Noticias

O deputado Santos Héctor visita en Meis as obras de habilitación do albergue de peregrinas e peregrinos financiadas polo Plan Concellos 2016

O deputado delegado de Turismo lembrou que os investimentos do Plan para este ano 2017 na vila se sitúan en máis de 475.000 €, case un 10 % máis que en 2016


15 marzo 2017
Meis

O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, visitou hoxe en Meis, acompañado polo alcalde, José Luis Pérez, algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan a habilitación do albergue de peregrinas e peregrinos da vila. En concreto, esta actuación, enmarcada na liña 1 do plan, supuxo un investimento de preto de 72.000 €, a través dos cales se está a converter unha edificación existente nun albergue de peregrinas e peregrinos.

En concreto, tal e como informou Rodríguez, "a través da subvención da Deputación de Pontevedra, a través da liña 1 do Plan Concellos, Meis puido habilitar a planta baixa dunha edificación existente para convertela nun albergue para peregrinas e peregrinos, colocando, para elo, carpinterías e acabados, realizando divisións interiores e instalacións eléctricas e de fontanería, así como sistemas de protección de incendios e de calefacción, executando aseos por sexos e para persoas con diversidade funcional".

Santos Héctor Rodríguez lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou a Meis 434.942,37 €, o que supuxo un 14,3 % máis que durante o ano 2015. Tamén subliñou o deputado que, "grazas a este plan, amais das obras de habilitación do albergue para persoas peregrinas, se aprobaron, no marco da liña 1, investimentos para a instalación de caldeiras de pélets no albergue, no colexio, no campo de fútbol municipal e na casa do concello; para a adquisición dunha furgoneta-grúa; mellora da rede de saneamento; reposición de firme e impulso da seguridade viaria en camiños municipais".

En termos globais, o deputado provincial recordou que "durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra fixo un investimento de preto de 678.000 € en Meis, impulsando a posta en funcionamento de actuacións para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños da vila". Santos Héctor Rodríguez aproveitou a ocasión tamén para recordar que o Goberno provincial "está firmemente comprometido cos pequenos concellos, os que máis precisan a actuación directa da Deputación de Pontevedra e a colaboración conxunta para garantir os servizos municipais".