Noticias

O deputado Santos Héctor supervisa en Salvaterra de Miño as obras do Plan Concellos para a mellora nos accesos á travesía escolar

Só co Plan Concellos deste ano, a Deputación de Pontevedra pon a disposición do municipio 1.254.380 euros, un 74,5 % máis que en 2017


23 xullo 2018
Santos Héctor visita Salvaterra

O deputado Santos Héctor visitou este mediodía as actuacións postas en marcha en Salvaterra de Miño coas achegas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a mellora dos accesos na travesía escolar, nas que o Goberno provincial investiu 60.397 euros. As obras consistiron na ampliación e na urbanización da rúa de acceso ao centro escolar de Salvaterra, con renovación de servizos e mellora do tránsito peonil.

Tal e como puido comprobar hoxe o deputado, acompañado pola tenente de alcalde Marta Valcárcel, acometéronse actuacións previas para a demolición do pavimento existente, da lousa da antiga pista polideportiva e das beirarrúas. Escaváronse gabias para o sistema de pluviais e para o sistema de saneamento. Ademais, executouse novo firme de beirarrúas de baldosa hidráulica e bordos de formigón.

A Deputación de Pontevedra destinou o ano pasado a Salvaterra de Miño algo máis de 718.000 euros dentro do Plan Concellos. Neste exercicio, a institución provincial incrementou a contía nun 74,5 %, polo que ten posto a disposición deste municipio 1.254.380 euros.

Case 3,6 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello

No que vai de lexislatura, o Goberno provincial destinou a Salvaterra de Miño máis de 3,5 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. O Servizo de Cooperación foi o que destinou a maior partida orzamentaria, con case 3 millóns de euros. Aí inclúense as achegas destinadas para o Plan Concellos, así como outras partidas distintas para iluminación exterior sostible, para a instalación de aparatos biosaudables ou para a substitución de caldeiras de biomasa en distintas instalacións municipais.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou a Salvaterra de Miño un total de 270.273 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, houbo axudas para varias entidades e programas como Depotermal, Depo Aventura A Lanzada, Tecendo lazos ou En ruta coa Depo.

En canto á área de Deportes, Salvaterra de Miño leva recibidos 44.853 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para material deportivo, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para os Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe, para subvencións a actividades deportivas e para axudas individuais extraordinarias.

Na área de Igualdade, Salvaterra beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 6.600 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa "Conectadas". Neste eido tamén se impulsou o programa "Mulleres en acción. Violencia zero". En materia de emprego, Salvaterra de Miño contou con máis de 76.000 euros a través das distintas edicións do Plan de práctica laboral impulsado pola institución provincial, así como o programa Practicum Depo.

Salvaterra de Miño tamén recibiu, nestes tres anos, máis de 136.000 euros do Servizo de Cultura. A través destas achegas, asociacións do municipio puideron promover actividades culturais ou adquirir instrumentos e vestiario. Así mesmo, houbo axudas para actividades de dinamización lingüística, para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, de dinamización do galego, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio e actuacións do Pontegal.

Desde Medio Ambiente destináronse a Salvaterra de Miño preto de 18.000 euros para o mantemento dos campos de fútbol de herba natural e de herba artificial, así como para axudas a cooperativas agrogandeiras. O Goberno achegou tamén máis de 13.300 euros en materia de Novas Tecnoloxías para o servizo de Administración electrónica e para o servizo de SmartPeme.

Case 44.000 euros chegaron nestes anos ao concello a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse para rozas e limpezas de estradas provinciais, pintados de viarios e sinalizacións, así como para o Plan Móvese. A través da área de Turismo destináronse a Salvaterra de Miño algo máis de 50.000 euros para axudas e promocións enolóxicas, gastronómicas e turísticas.