Noticias

O deputado de Medio Ambiente Juan González asiste en Moaña á estrea do programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia

Trátase do primeiro concello en beneficiarse da nova maquinaria da Deputación para manter os campos de herba natural e sintética que, en menos dunha semana dende a súa presentación, conta xa con solicitudes de vinte concellos


06 abril 2017
Moaña

O deputado de Medio Ambiente, Juan González, acudiu esta mañá ata o Campo de Fútbol O Casal de Moaña para a posta en funcionamento da nova maquinaria para programa para o mantemento dos campos de fútbol da provincia de Pontevedra. Moaña foi o primeiro concello en solicitar este novo programa da Deputación de Pontevedra para manter en axeitadas condicións os campos da provincia.

"Se a pasada semana anunciábamos a posta en marcha dun novo programa de mantemento dos nosos campos de fútbol –informou o deputado Juan González- hoxe, cinco días despois, compráceme dar a coñecer que son xa vinte os concellos que nos solicitaron a maquinaria para adecuar as condicións destas infraestruturas". No caso concreto de Moaña, González subliñou que a maquinaria comezaba na vila por ser o primeiro concello en solicitalo e adiantou que continuará despois, en todos os concellos que o están a demandar, seguindo a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

A través deste novo programa, a Deputación de Pontevedra está a ceder maquinaria, tractor e apeiro subsolador-varredor, e persoal aos concellos para tratar tanto os campos de herba sintética como os de herba natural.  Este programa, contemplado no Plan Estratéxico de Deporte da Deputación de Pontevedra, garante a recuperación destes espazos que, en moitos casos, presentan un estado de conservación deplorable pola falla de previsión do seu mantemento.

En concreto, a través deste novo programa poderanse realizar labores de limpeza e retirada de elementos non desexados no campo, descompactar o céspede para que non perda calidades, cepillar a cuberta artificial para evitar a perda de elasticidade e rozamento e repoñer a area e o caucho, así como escarificar, picar e sementar no caso dos campos de herba natural. Pola súa banda, os concellos, no marco da colaboración proactiva coa institución provincial, terán que proporcionar o caucho ou area para a receba, limpar as quenllas perimétricas de drenaxe do campo e revisar as xuntas da moqueta así como aportar a semente no caso dos campos de herba natural.