Noticias

O deputado David Regades visitou as obras do Centro Cultural de Pardalongas, no concello de Fornelos de Montes

A Deputación de Pontevedra achega máis de 48.000 euros dentro do Plan Concellos para rematar as instalacións


24 xaneiro 2017
David Regades en Fornelos

O deputado provincial David Regades visitou, xunto ao alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, as obras do Centro Cultural de Pardalonga (na parroquia de Traspielas), que, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, permitirán o remate e a apertura destas instalacións sociais.

A Deputación de Pontevedra aprobou a subvención de 48.422 euros ao Concello de Fornelos para a conclusión do centro cultural, que neste momento se atopa só como unha construción sen rematar. A intervención vai ser o acondicionamento interior e acabado interior e exterior do actual Centro Cultural de Pardalongas.

En concreto, as obras, que concluirán no próximo mes de xullo, contemplan a execución da escaleira interior de acceso ao soto, estruturalmente e acabados; o revestimento de paramentos exteriores con morteiro de cemento; o acondicionamento para persoas discapacitadas dos accesos e aseos; o revestimento de paramentos; a colocación de canalóns e baixantes de aluminio para a recollida de pluviais; a acometida da rede de abastecemento; a execución da rede de saneamento; a instalación completa do sistema eléctrico, acometida, colocación de toda a instalación eléctrica, puntos de luz e tomas de corrente e luminarias; a execución do pavimento cerámico antiesvarante da totalidade da planta baixa; o pintado de paramentos exteriores e interiores da totalidade da edificación; as balaustradas, portas antilume e adaptación para persiana de seguridade; as carpinterías interiores de madeira de carballo vernizada e recercado interior das actuais carpinterías exteriores; e a adquisición e colocación dos complementos necesarios dos aseos.   

O Concello de Fornelos de Montes recibiu o ano pasado 740.951 euros en diversas axudas e subvencións. Para 2017 o Concello xa ten destinada a cantidade de 379.115 euros dentro do Plan Concellos.