Noticias

O deputado David Regades visita en Campo Lameiro a remodelación da casa da Chanciña para actividades culturais

A Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención de máis de 43.000 euros do Plan Concellos 2016 para a reforma da antiga escola dos mestres


31 xaneiro 2017
O deputado David Regades visita en Campo Lameiro

O deputado de Cooperación, David Regades, acompañado do alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayans, visitou hoxe a remodelación feita na casa dos mestres do colexio da Chanciña, que se vai dedicar a locais para actividades diversas e escola de música.

A Deputación de Pontevedra concedeulle o ano pasado, o través do Plan Concellos, unha subvención ao Concello de Campo Lameiro para a reforma e o acondicionamento interior e a substitución da cuberta da antiga vivenda dos mestres da escola da Chanciña para convertela en escola de música e centro de actividades culturais e sociais.

En concreto, a subvención  foi de 43.807 euros e a obra foi adxudica o pasado mes de outubro. En dous meses a empresa adxudicataria realizou as reformas, que contemplaban o cambio da cuberta do edificio e o derrubamento das divisións interiores, a substitución da carpintería exterior e as novas divisións mellorando o illamento sonoro. Tamén se mudou a instalación eléctrica e de iluminación, así como a calefacción e as portas, entre outras melloras.

O Concello de Campo Lameiro recibiu, do Plan Concellos da Deputación, o ano pasado, a cantidade de 361.447 euros para investimentos, actividades culturais e deportivas, e para a contratación de traballadores auxiliares dos servizos municipais, cun incremento dun 18 % respecto ao ano 2015. Para 2017 o Concello vai contar cunha cantidade lixeiramente superior á do ano pasado (363.723 euros).