Noticias

O deputado David Regades supervisa en Ribadumia obras provinciais en beirarrúas e alumeado

As actuacións, xa rematadas na parroquia de Leiro e financiadas ao abeiro do Plan Concellos 2016, están valoradas en máis de 50.000 euros


07 novembro 2017
Plan concellos

O deputado de cooperación, David Regades, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro, visitou hoxe diferentes obras financiadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2016 e 2017. En concreto, o deputado supervisou o remate dos traballos de construción de beirarrúas e alumeado público que se levaron a cabo na parroquia de Leiro, onde construíron beirarrúas dun ancho de 2 metros co bordo a 5 metros do eixo da vía na marxe esquerda da estrada EP-9305 desde o cruce da igrexa de Leiro ata a rotonda da PO-300. Estas beirarrúas contan cun bordo prefabricado de formigón, pavimento de lousas de terrazo en relevo 30x30 cm. Ademais, fíxose unha canalización de alumeado con dúas arquetas de rexistro. Tamén se colocaron nove luminarias de fixación lateral pro brazo con cuberta plana con difusos de vidro transparente e lámpada LED de 59 w.

As obras, cun orzamento de 50.185,56 euros, foron financiadas ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2016, a través dos cales o Concello de Ribadumia recibiu máis de 400.000 euros, case un 16 % máis de fondos que en 2015.

O deputado salientou "o respecto á autonomía local que desde o principio caracteriza ao Plan Concellos da Deputación xa que son os gobernos locais, que foron escollidos polas veciñas e veciños, os que deciden as súas prioridades". "Ribadumia, sinalou Regades, é unha boa proba do ben que invisten os concellos porque eles coñecen mellor que ninguén as necesidades dos seus pobos".

En canto ao Plan Concellos 2017, o Concello de Ribadumia xa ten aprobado o 100 % dos investimentos que lle corresponden, que para este ano son un 5,45 % máis que en 2016. En total, durante este 2017, a vila da comarca do Salnés recibiu un total de 455.965,02 euros cos que levou a cabo un muro de contención para a formación da senda peonil en Leiro; adquiriu unha fregadora limpadora e unha retroescavadora mini pa; actuou na rede de alumeado público de Leiro e Besomaño así como na rede de saneamento do Freixo, Sisán e San Andrés de Barrantes; sufragou os gastos de actividades como a programación do auditorio municipal de Santa Baia de Ribadumia e a exaltación do viño autóctono na XLV Festa do Viño Tinto do Salnés, e contratou a 12 traballadores para distintos servizos municipais.