Noticias

O deputado David Regades supervisa en Cuntis a mellora de nove camiños do concello financiada cun préstamo sen xuros da Deputación

Para a realización das obras, o concello que goberna Manuel Campos contou con máis de 95.000 euros da institución provincial


06 febreiro 2018
Cuntis

David Regades, deputado de cooperación municipal, visitou este martes acompañado do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o reformado camiño de Piñeiros, arranxado xunto a oito pistas municipais do concello que quedaron en mal estado tras o temporal do 2016. Para a realización destas obras, Cuntis recibiu da Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros por valor de 96.938,87 euros. Así, o concello puido mellorar a capa de rodaxe mediante unha tripla rega asfáltica compactada. Esta actuación principal complementouse con outras accesorias como son a limpeza de bordes e a reapertura de cunetas para ambas marxes dos camiños. En total, estas obras, contaron cun orzamento total de 122.804,56 euros para os camiños públicos de titularidade municipal de Castro Landín, Vilar, Piñeiros, Paizosa, Piso, Gándara, A Toxeira, San Mamede e Couselo.

Durante a visita, Regades, destacou que "grazas a estas obras, mellorouse a calidade de vida dos veciños e veciñas de Cuntis que merecíano. O concello tivo que recorrer á Deputación para poder levalas a cabo, que son froito do abandono da Xunta de Galicia ante as fortes inundacións de 2016." Na mesma liña falou Manuel Campos, que sinalou que "grazas a Deputación puidemos reacondicionar estas vías, xa que Cuntis tivo que facer fronte en solitario a estas actuacións ao non acceder á Xunta a dar axudas".

David Regades tamén supervisou as obras de acondicionamento que se están levando a cabo no cruceiro do Campo en Troáns. Esta actuación está enmarcada no Plan Concellos 2017 e para levala a cabo o Concello de Cuntis recibiu por parte da Deputación de Pontevedra unha achega de 21.273,52 euros. O obxectivo da obra foi o acondicionamento do cruceiro e o seu entorno coa fin de mellorar paisaxisticamente a zona, ademais de garantir a seguridade pola diferenza de cotas das dúas pistas.

Ao abeiro do Plan Concellos 2018, Cuntis ten o seu dispor 929.208,67 euros. Isto é un 74 % máis que no 2017. Nese eido, o deputado de Cooperación sinalou que "estes cartos facilitan que os concellos poidan planificar as súas obras neste mandato. Poderán adxudicalas este ano e, así, a mediados do 2019 poderán estar executadas cun plan que lles da máis garantías para optar a proxectos de maior envergadura". Regades engadiu que Cuntis ten "un grao moi elevado de execución das obras do Plan Concellos destes anos, de feito xa sei que están preparando os proxectos para este 2018, polo que estamos convencidos na Deputación que ese millón de euros vai a ser moi ben invertido para á veciñanza".