Noticias

O deputado Carlos Font visita en Dozón dúas obras de pavimentación de camiños municipais realizadas ao abeiro do Plan concellos 2016

O deputado lembrou que o investimento do Plan para Dozón situouse o ano pasado en máis de 365.000 €, un incremento do 23% respecto ao que recibiu en 2015


21 febreiro 2017
Dozón

O deputado provincial Carlos López Font, acompañado polo alcalde de Dozón, visitou esta mañá algunhas das actuacións desenvolvidas na localidade no marco do "Plan Concellos 2016" da Deputación de Pontevedra, entre as que se atopan as obras de pavimentación dos camiños que transcorren  por Val de Extremeira e entre Cruz do Monte e Barrio. En concreto estas obras supuxeron un investimento da institución provincial situado en preto de 80.000 euros (arredor de 40.000 € cada unha delas) dentro da liña 1, a relativa a investimentos, do "Plan Concellos 2016".

López Font asegurou que "grazas a estes dous investimentos, os veciños e veciñas destes núcleos, que se atopan moi próximos entre eles, aumentan considerablemente a súa calidade de vida ao ver como se garanten os seus servizos máis básicos". No camiño de Val de Extremeira as obras consistiron na desbroza, limpeza a preparación do camiño, a realización dun estendido de capa de 25 centímetros de saburra con apertura de cuneta e na canalización dos pluviais mediante un tubo de formigón de 40 centímetros de diámetro. Pola outra banda, no camiño entre Cruz de Monte e Barrio realizáronse as mesmas actuacións que na obra anterior.

Carlos Font lembrou que o "Plan Concellos 2016" destinou a Dozón un total de 365.054,21 euros, o que supón un 23% máis (o que se traduciu en preto de 70.000 €) que no reparto realizado no exercicio 2015. López Font lembrou que "grazas ao Plan Concellos, Dozón realizou unha importante labor de pavimentación e acondicionamento dos seus camiños e das súas rúas, ou tamén obras de canalización ao longo de moitos dos núcleos que conforman o concello".

O deputado provincial asegurou que "estes non son os investimentos máis vistosos nin os que acaparan os grandes titulares, pero si son os que máis necesita a cidadanía e, polo tanto, os que fan que dende o Goberno provincial nos sintamos moi orgullosos e orgullosas de que os rexedores e rexedoras municipais saiban pór por enriba de todo as necesidades reais da súa veciñanza a través das nosas achegas".