Noticias

O deputado Carlos Font informa dunha nova axuda para Oia de 42.000 euros do Plan Concellos da Deputación

A financiación provincial destinarase a dúas novas actuacións na vila para a reforma de parques infantís e subministro de maquinaria


15 setembro 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

O deputado Carlos Font informou hoxe que o Goberno provincial aprobou, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao Concello de Oia por un valor total de 42.506,33 euros ao abeiro do Plan Concellos. Trátase, nesta quenda, dunha achega de 27.200,88 euros para a reforma de parques infantís en Mabia, Torroña e Acevedo, e outra de 15.305,45 euros para subministro de maquinaria e material diverso.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello do Baixo Miño. En concreto, en liña 1 destinouse unha axuda de 6.655 euros para o subministro dunha cisterna. No que respecta á liña 2 destináronse 42.062,92 euros para consumo eléctrico, concertos de verán e gastos de limpeza de edificios municipais. E tamén, outros 99.899,44 euros foron destinados á contratación de 9 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 191.123,7 euros do total deste ano destinado a Oia.