Noticias

O deputado Carlos Font confirma que o Goberno provincial aprobará o venres preto de 600.000 € para os concellos da Estrada e Forcarei

Estas achegas do Plan Concellos financiarán o arranxo de fontes públicas na Estrada e a mellora de camiños rurais de varias parroquias de Forcarei


02 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento para as obras de arranxo de fontes no rural no concello da Estrada e para a mellora de camiños nas parroquias de Dúas Igrexas, A Madalena, Meavia, Millerada, Aciveiro e Pereira, no concello de Forcarei. As actuacións teñen un importe total de 597.463,16 euros e forman parte dos fondos da Liña 1 do Plan Concellos.

Máis polo miúdo, o Goberno provincial financia con 87.463,16 euros ao Concello da Estrada para o acondicionamento de fontes públicas en Couso, San Miguel de Castro e Santo Tomás de Ancorados. Este ano 2018, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina á Estrada 2.708.685,18 euros, o que supón un 73,10 % máis que no exercicio anterior.

Por outra banda, a institución provincial fai unha achega de 510.000 euros ao Concello de Forcarei para a mellora de camiños nos lugares de O Cruceiro, A Rúa e O Barrio (Meavía); de San Bartolomeu, Alende e Muras (Pereira); en Córneas e Estrada de Rabadeiras (Dúas Igrexas); en Berrozo (Millerada), en Lamasgalán (Aciveiro); e na Aldea de Arriba (A Madalena).

Este ano 2018, a través do Plan Concellos, o Goberno de Carmela Silva destina a Forcarei preto de 1 millón de euros, 953.228,35 euros, case un 74 % máis que o ano pasado.