Noticias

O deputado Carlos Font confirma que a Deputación pechará o venres o Plan Concellos para Sanxenxo cun último investimento de máis de 185.000 euros

A Xunta de Goberno aprobará esta última achega, coa que o concello poderá financiar o acondicionamento da Casa do Priorato para centro sociocultural


20 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno de Carmela Silva aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento para unha nova obra en Sanxenxo, coa que a vila pechará os investimentos do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

O proxecto cun orzamento de 185.320,11 euros consiste na execución do Plan de acondicionamento da Casa do Priorato para o seu uso como centro sociocultural. Para ilo procederase á rehabilitación do edificio xa existente sen alterar a fachada exterior. Dividido en dúas plantas, a inferior estará dedicada a aulas, mentres que na superior situaranse espazos para uso administrativo, así como un salón de usos múltiples. Entre as actuacións planificadas para a súa conversión en centro sociocultural, contémplase a demolición das estruturas antigas, o cambio das carpinterías exteriores, a creación das novas divisións interiores, así como a instalación de equipamentos de fontanería, saneamento e servizos de luz, calefacción e telecomunicacións.

Ademais desta obra, o Plan Concellos ten financiado este ano outras actuacións na localidade. Con cargo á liña 1 Sanxenxo acometeu ata 12 proxectos, entre os que atopamos a adecuación da Casa da Xuventude á normativa de accesibilidade; a reforma integral da zona deportiva do parque municipal de Espiñeiro; a instalación da rede de saneamento de augas residuais no lugar de Canelas (Portonovo); ou a instalación dun colector para o saneamento de augas residuais.

A parte destas transferencias, na liña 2 recibiu da Deputación 58.000 euros destinados a cubrir amortizacións e gastos correntes; e con cargo á liña 3 de Emprego Sanxenxo puido financiar a contratación de 43 traballadores e traballadoras, para os que se destinaron 259.667,53 euros da institución provincial.

Este ano 2018, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destinou a Sanxenxo case 2 millóns de euros, 1.972.572,74 euros, o que supón un 76,20 % máis que no exercicio anterior.