Noticias

O deputado Carlos Font anuncia unha nova achega para Dozón coa que o municipio do Deza pechará o Plan Concellos da Deputación

Con esta obra, cuxo orzamento ascende a case 80.000 euros, o Concello poderá financiar a pavimentación de varios camiños


20 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, anunciou hoxe que o próximo venres o Goberno de Carmela Silva aprobará unha nova achega do Plan Concellos para Dozón, destinada a mellorar varios camiños nas parroquias deste municipio. Cun importe total de 78.598,27 euros, esta obra forma parte da Liña 1 de investimentos coa que, amais, a vila do Deza pecha o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra deste ano 2018.

Esta última achega financiará a pavimentación de tres camiños: o que une Saa e A Parte; o do lugar de Moi; e o que vai de Roiriz a Pena do Coto. Nos tres casos se procederá a limpar e rozar as cunetas, preparar o terreo e finalmente pavimentar con saburra de espesores que oscilen entre os 20 centímetros do camiño de Moi e os 30 do de Roiriz a Pena do Coto. No caso da vía que une Saa e A Parte tamén se instalará un varanda para protexer o regato que atravesa o lugar.

Ademais deste investimento, o Goberno de Carmela Silva financiou este ano en Dozón ao través da Liña 1 do Plan Concellos obras de pavimentación dun camiño no lugar de Amedo, O Zudreiro, Amear, O Abeledo, Castro, Corredoira, Vilarello, Puxeiras–Moi, Corredoira a Paredes e a traída de auga nas Nogueiras. Tamén se pavimentaron pistas parcelarias en Pereirón, así como outros camiños nas Maceiras, Santo Domingo e Pereirón–A Estivada. No caso da Liña 3 de emprego, Dozón poido financiar a contratación de seis traballadores, que ascendeu a un total de 36.408 €.

O Plan Concellos destinou neste 2018 a Dozón unha inversión de 616.010,07 euros, o que supuxo un incremento do 73,16 % con respecto ao exercicio anterior.