Noticias

O deputado Carlos Font anuncia unha nova achega do Plan Concellos para Arbo coa que poderá financiar a ampliación do acceso a Paravedra

O orzamento é de máis de 70.000 euros e trátase da primeira axuda ao municipio con cargo á Liña 1 de investimentos do Plan Concellos de 2019


21 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do primeiro investimento para Arbo con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019, unha vez aberto o pasado 1 de novembro o prazo de presentación de proxectos, que rematará o 31 de decembro.

Serán 70.545,21 euros cos que o Concello de Arbo poderá financiar o proxecto de ampliación do camiño que dá acceso ao lugar de Paravedra. A obra contempla tamén a execución de cinco muros de contención de cachotaría, a reposición da rede de pluviais e rego, o recuado de varios peches de parcela e as modificacións parciais de rasante para conseguir sobre largos. A actuación desenvolverase ao longo de 220m do viario.

Co Plan Concellos 2018, xa rematado para a vila, Arbo recibira a través da Liña 1 de investimentos financiación para mellorar o entorno da estrada que une Rocha con Cabeiras; acometer o acondicionamento da estrada EP 5003 en A Lomba; ou a ampliación da rede de saneamento en Urzal e A Civida, entre outras actuacións. Ademais, recibiu 94.336,32 euros a través da Liña 3 de emprego do Plan Concellos, para financiar a contratación de 16 persoas que traballan nos distintos servizos municipais da vila, e 40.815,45 euros para o financiamento de gasto corrente do Concello, pertencentes á Liña 2.

En total, Arbo tivo este ano a súa disposición co Plan Concellos 2018 734.619,17 €, un 73,44 % máis que no 2017.