Noticias

O deputado Carlos Font anuncia a primeira achega do Plan Concellos 2019 a Campo Lameiro para financiar o Centro de Estancia para persoas Maiores

Trátase dunha partida de 150.000 euros da Deputación que se suman aos 367.003,71 € que a institución tamén achega para esta obra co Plan de Reequilibrio


18 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación, o próximo venres pola Xunta de Goberno, do primeiro investimento para Campo Lameiro, con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. Trátase dunha achega de 150.000 euros, coa que o Concello financiará a partida municipal para a execución do Centro de Estancia para Maiores, o proxecto incluído no Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra.

O Goberno de Carmela Silva inviste nesta nova infraestrutura 367.003, 71 euros e o municipio de Campo Lameiro os 150.000 euros restantes, que agora os vai financiar a través do Plan Concellos. Deste xeito, o futuro Centro de Estancia para Maiores de Campo Lameiro financiarase integramente con achegas da Deputación de Pontevedra. Aínda a semana pasada, a presidenta provincial Carmela Silva mailo alcalde de Campo Lameiro visitaban os primeiros traballos que se están a facer para acometer este proxecto.

O Centro de Estancia para Maiores concíbese coma unha nova infraestrutura para as persoas maiores do municipio, onde haberá espazo para fisioterapia e rehabilitación, ximnasia ou sala de usos múltiples. Máis polo miúdo, o novo centro desenvólvese nunha única planta, integrándose perfectamente no entorno e empregando unha sinxela combinación de formigón e madeira. Incorpora tamén grandes ventás, que permiten un maior contacto entre o interior e o exterior, participando do espazo urbano que o rodea. O edificio aproveita o desnivel propio do terreo para situarse nunha cota inferior aos elementos protexidos da zona: igrexa, praza e cruceiro. O edificio construirase coma un bloque contedor de actividades, agrupadas por familias e conectadas por un único distribuidor, con dúas zonas de espera, onde se enlazan os distintos espazos diferenciados: administración, instalacións, fisioterapia e rehabilitación, hixiene e ximnasio. O espazo máis amplo será a sala de usos múltiples. O ximnasio estará adaptado para maiores e aberto ao exterior, o que permitirá continuar as actividades fóra nun circuíto biosaudable. O espazo de fisioterapia contará cunha ou dúas salas para atender ás necesidades e os coidados das persoas maiores.

Este ano 2018, co Plan Concellos xa rematado para a vila, Campo Lameiro puido financiar a adecuación de camiños a Congosta, A Lagoa, Canellón Carballeira e Camiño de Laxe; o reforzo de pavimentos, peches e muros; o reforzo da capa de rodaxe do firme dos camiños Couso, Armonda 1-2, Painceiros e Liñares; e varias actuacións en vías públicas Gargallóns1, Gargallóns 2, Gargallóns 3, Punto Limpo e Parque Infantil Castriño. Ademais, Campo Lameiro recibiu este ano, ao abeiro da Liña 3 de Emprego, un total de 83.000 euros para a contratación de 10 traballadoras e traballadores municipais.

En total, Campo Lameiro tivo este ano á súa disposición, co Plan Concellos 2018, un total de 632.457,66 euros, un 73,88 % máis que no exercicio anterior.