Noticias

O Departamento de mobilidade remata as obras de seguranza viaria na contorna da igrexa de San Pedro de Dimo en Catoira

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa está lista a mellora do aglomerado da EP-8703 e que a vindeira semana pintarase a sinalización horizontal


30 maio 2019
Contorna da igrexa de San Pedro de Dimo en Catoira

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a rematar as obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe en Catoira. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, esta semana quedarán listos os traballos de aglomerado e a vindeira realizarase o pintado da sinalización horizontal. Deste xeito a estrada quedará definida nas inmediacións da igrexa de San Pedro como unha ‘zona 30' de velocidade máxima con elementos de calmado de tráfico e máis visibilidade.

O deputado responsable da actuación, o nacionalista Uxío Benítez, explica que esta obra proxectouse para conseguir que os vehículos que circulan pola estrada acompasen a súa velocidade ao paso de persoas, fomentando unha mellor convivencia e unha substancial mellora na seguranza viaria tanto para os coches como para os peóns. A obra foi adxudicada á empresa Arines Obras y Proyectos SL con catro meses de prazo de execución que non foron necesarios, xa que a reforma da vía remata con moita antelación.

No proxecto prevíase a construción de 14 redutores físicos de velocidade e dous pasos de peóns sobreelevados para crear unha ‘zona 30' e tratar de reducir a marcha dos vehículos que circulan por este treito. Por outra banda, modificouse a traza da curva á altura da igrexa de San Pedro de Dimo, onde se ampliou o radio de xiro para aumentar a comodidade da condución e mellorar a visibilidade na zona grazas a unha berma de dous metros no pé do noiro interior da curva.

A obra permite tamén reordenar a intersección da marxe esquerda á altura do punto quilométrico 1+360 para facilitar o cambio de sentido mediante o pintado dunha semiglorieta. Creouse, así mesmo, un carril-cuña de deceleración duns 30 metros de lonxitude.