Noticias

O Departamento de Mobilidade da Deputación pecha o deseño definitivo para a estrada Viso-Hío en Cangas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe ao alcalde e á concelleira de Obras que persoal técnico provincial explicará a actuación á veciñanza nun encontro a finais deste mes


05 xullo 2018
Deseño definitivo estrada Viso-Hío en Cangas

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra pechou o deseño definitivo para a mellora da estrada provincial EP-1005 Viso-Hío no termo municipal de Cangas. Así llo comunicou hoxe o deputado Uxío Benítez ao alcalde Xosé Manuel Pazos e á concelleira de Obras Mercedes Giráldez nunha reunión na que se comprometeu a que persoal técnico provincial explique a actuación á veciñanza da zona nun encontro a finais deste mes.

Segundo apuntou Benítez, o proxecto para a estrada provincial está totalmente concretado, "de xeito definitivo", insistiu, cun orzamento global de 1.050.704,69 euros. A actuación, dixo o responsable provincial, consistirá na ampliación da plataforma nunha lonxitude dun quilómetro, entre o cruce coa estrada PO-315 e a intersección coas estradas provinciais EP-10036 e EP-1008 á altura da igrexa de San Andrés de Hío. Habilitaranse dous carrís de tres metros de largo, beiravías de 0,50 m, e unha senda peonil de 2,5 metros de largo pola marxe dereita, que estará separada da zona de tránsito rodado por unha cuneta de medio metro.

Tamén se construirán dúas plataformas ou zonas de convivencia deseñadas como ‘zonas 30' en dous treitos da estrada por falta de espazo para manter segregados os tránsitos. Os dous treitos mixtos situaranse entre os puntos quilométricos (PQ) 0+370 e 0+430 e do PQ 0+810 ata o final da vía. Nestes espazos haberá unha única plataforma á mesma cota na que a prioridade será para peóns, e na que unicamente se pintarán marcas viarias na marxe da estrada como guía para a circulación. O firme será uniforme, sen distinción de zonas, e estará formado por unha mestura de cor que destacará que se trata dun treito de coexistencia con prioridade peonil.

Por outra banda, segundo apuntou Benítez, reforzarase o firme de toda a zona, instalaranse sistemas de calmado de tráfico mediante sinalización e execución de redutores de velocidade, implantaranse cunetas nos bordes da calzada, así como un novo sistema eficiente de iluminación e nova sinalización vertical e horizontal en todo o treito.

Segundo apuntou Benítez, todas estas cuestións serán puntualmente detalladas nun encontro entre persoal técnico da Deputación e parte da equipa redactora do proxecto (da empresa TECYP Ingeniería) coa veciñanza afectada pola ocupación de terreos e beneficiada polo proxecto. A reunión será a finais deste mes e será convocada persoalmente dende o Concello.

Nerga e A Magdalena

Por outra banda, a reunión de Uxío Benítez co alcalde e a concelleira serviu tamén para avanzar noutras actuacións para mellorar estradas que a Deputación ten no municipio. Deste xeito, o nacionalista recolleu a solicitude de resolver o problema de seguranza viaria da estrada provincial de Nerga (EP-1007) e comprometeuse a redactar un proxecto que dea solución aos problemas de visibilidade nunha curva, fundamentalmente, e nas interseccións, xa que existe grande perigosidade para a circulación rodada, o que se agrava coa existencia da escola infantil da zona.

Así mesmo, Benítez tamén foi receptivo á petición de mellora da estrada da Magdalena. "Entendemos que para o Concello, despois da estrada de Viso-Hío a actuación para aumentar a seguranza viaria na Magdalena é a principal prioridade, polo que imos formular unha solución e dar resposta", apuntou o deputado, comprometéndose tamén á redacción dun proxecto de reforma da vía.

Ante a dilixencia e boa acollida das propostas do Concello, o alcalde de Cangas agradeceu a receptividade do deputado Uxío Benítez. Insistiu en que tanto as obras de Viso-Hío, como as da Magdalena e Nerga son importantes para o municipio, polo que destacou que é unha satisfacción ver que van ser atendidas. "Veremos logo estes dous últimos proxectos como e cando se van poder executar", sinalou.