Noticias

O Servizo de mobilidade da Deputación mellora o asfaltado da estrada provincial Celeiros-Oliveira en Ponteareas

O deputado Uxío Benítez explica que se renovaron 6.380 metros cadrados de firme e que falta rematar a sinalización horizontal


10 setembro 2018
Mellora estrada en Ponteareas

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Mobilidade, rematará nas próximas xornadas a rehabilitación do firme da estrada provincial EP-4002 Celeiros-Oliveira, dentro do termo municipal de Ponteareas. A actuación, segundo explica o deputado Uxío Benítez, supón a mellora duns 6.380 metros cadrados de aglomerado ao longo de diferentes puntos da vía, e está enmarcada dentro do Plan de conservación de firmes que a institución provincial estreou este ano.

A mellora do asfaltado nesta estrada, segundo explica Benítez, débese a que nas súas revisións periódicas da rede provincial o persoal técnico da Deputación confirmou a existencia de zonas en mal estado tanto polo uso como das inclemencias do tempo que xa foran advertidas desde o propio Concello. Ante isto, o Servizo de Mobilidade activou o novo contrato marco e iniciáronse as obras de rehabilitación a finais de agosto co fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodaxe e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Os traballos, segundo está previsto, finalizarán nos vindeiros días, cando a empresa rematará o pintado da sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, marcas brancas transversais, símbolos e frechas).

Na comarca do Condado son xa varias as estradas que se están a rehabilitar na batida de renovación da rede viaria ao abeiro do novo contrato marco do Plan de conservación de firmes, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para as estradas da provincia. Esta fórmula supón unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias.

Co novo plan de mellora de asfaltados a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras. No caso do concello de Ponteareas, as estradas provinciais divídense en dous lotes: o lote número dous (cun investimento de 711.896,06 euros e adxudicación para ‘Obras, Caminos y Asfaltos SA') e o lote número catro (cun orzamento de 802.313,15 euros e adxudicación para ‘Civis Global SL').