Noticias

O Consello Consultivo ratifica a Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030

O órgano de participación do AECT Rio Minho validou o documento que marcará as liñas de actuación da cooperación transfronteiriza dos próximos 10 anos


04 abril 2019
O consello consultivo ratifica a Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030

O Consello Consultivo do AECT Rio Minho, presidido polo director do agrupamento, Uxío Benítez,  reuniuse hoxe na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, para dar o seu visto e prace a ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030'. Ata 26 organismos de Galicia e Portugal, incluídas cámaras de comercio e asociacións de empresas, participaron no encontro, ao que tamén asistiu a secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional do país luso, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministerio de Planeamento portugués.

O director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, destacou a relevancia deste traballo, "novidoso, tanto polo seu alcance como polo ámbito territorial no que opera, e que servirá para mellorar o grao de integración territorial e a calidade de vida da poboación, con accións dirixidas á promoción do territorio,  ao fomento do emprego e á inclusión social". A Estratexia servirá ademais como "porta a un proceso estratéxico continuado, a medio prazo, que permitirá activar o territorio transfronteirizo nunha lóxica unitaria e coherente".

O documento, elaborado no seo do proxecto Smart Minho, servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza no territorio durante a próxima década. "A Estratexia é unha ferramenta dinámica coa que daremos forma ás accións futuras no territorio pero para que isto sexa posible –engadiu Benítez– era necesario contar non só coas institucións promotoras senón coa complicidade da sociedade civil, polo que a participación cidadá foi a base de todo este traballo".

Segundo explicou Benítez, a `Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030' establece un plan de acción en base a cinco eixes estratéxicos: Gobernanza e programas de servizos conxuntos; Turismo sustentábel e responsábel; Cultura transfronteiriza; Mobilidade sustentable, e Sustentabilidade e economía innovadora. "A Estratexia senta as bases das actuacións, pero este é un documento vivo, unha ferramenta dinámica a partir da cal se irán definindo as accións concretas", explicou.

O documento presenta unha análise profunda do territorio en clave de poboación, estrutura económica, mercado de traballo, mobilidade, recursos naturais e programas de servizos e equipamentos públicos transfronteirizos xa existentes. Os datos demográficos do territorio descobren por exemplo dúas realidades moi diferentes dentro do AECT, por unha banda unha zona interior –oriental, caracterizada por baixas densidades de poboación e perda de poboación constante nos últimos 25, cun claro envellecemento da mesma; e por outra unha zona costeira– occidental cunha densidade maior e un envellecemento máis moderado, un dos principais retos aos que se deberá facer fronte no futuro, apuntou Benítez.

Dous anos de traballo

"O río Miño como vector central do desenvolvemento do territorio" é a visión sobre a que se desenvolve este traballo de case dous anos de análise. O proceso de elaboración da `Estratexia Rio Minho Transfronteirizo 2030` comezou en outono de 2017 cunha rolda de entrevistas cos responsables municipais das dúas marxes do río, e dividiuse en diferentes fases. Tras a redacción dun primeiro borrador, que foi sometido á debate no I Fórum do Rio Minho Transfronteirizo ao que asistiron máis dun centenar de persoas, a participación cidadá completouse coa organización de 4 mesas temáticas e a realización dunha enquisa a través da web www.smartminho.eu. Paralelamente tivo lugar unha segunda rolda de xuntanzas coas alcaldías do territorio e reunións con outros actores territoriais e institucionais relevantes. 

En novembro de 2018 tivo lugar o II Fórum do Río Miño transfronteirizo, onde se presentou o documento estratéxico reformulado, incluíndo todas as aportacións e conclusións dos encontros mantidos, para sometelo novamente a debate coa cidadanía. Por último, tras a aprobación do Consello Coordinador presentouse hoxe ante o Consello Consultivo do AECT Rio Minho para a súa validación. A Estratexia formulouse tendo en conta os marcos comunitarios, tanto estratéxicos coma orzamentarios do período 2014-2020 e das perspectivas para o próximo período 2021-2027.

O equipo redactor do documento estivo composto por persoal técnico da Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, e Fundación CEER. Para garantir a calidade científica e académica do proceso contouse tamén con expertas e expertos das universidades públicas da eurorrexión, que conformaron o Comité Científico Asesor, composto polo doutor Anxo Calvo da Universidade da Coruña; o doutor Rubén Camilo Lois, da Universidade de Santiago de Compostela; o doutor José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto; o doutor Francisco Carballo, Universidade do Minho e a profesora Sandrina Ferreira Antunes, da Universidade do Minho.

Smart Minho

A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública.

Smart Minho é un proxecto liderado pola Deputación de Pontevedra, xunto coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER). Durante a implantación do proxecto constituíuse, a comezos de 2018, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT Rio Minho), que pasou a participar tamén nel. Para este organismo, a Estratexia 2030 actúa de axenda de acción para os próximos anos.