Noticias

O concello de Covelo consigue un 75% de aforro enerxético cunha achega do IDAE xestionada pola Deputación

Realizáronse actuacións de eficiencia enerxética ata en doce zonas do municipio cun investimento de máis de 45.000 euros


18 novembro 2021
Visita Santos Héctor Covelo

O concello de Covelo veu renovada parte da súa iluminación exterior grazas aos fondos FEDER xestionados pola Deputación de Pontevedra, cos que acadou un aforro enerxético de preto do 75% nos lugares nos que se realizaron as actuacións. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, achegouse ao concello para coñecer de preto as obras, que contaron cun orzamento de 45.350 euros financiados nun 80% polo IDAE, en compañía do   alcalde do municipio, Juan Pablo Castillo, e a tenente de alcalde, Lourdes Enes.

Grazas a estes fondos actuouse en 12 zonas do concello da comarca da Paradanta. Nelas substituíronse 156 puntos de luz nos que se empregaban luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Deste xeito pasouse de empregar luminarias cunha potencia de entre 70 e 250 W a outras cunha potencia instalada de entre 3,5 e 27,7 W.

A institución provincial continúa así a actuar en liña en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 -cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna- ao tempo fai unha labor de concienciación social a prol de reducir a pegada de carbono na provincia.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas outros dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, O Rosal, O Porriño, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

 

Fotos