Noticias

O Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá preto de 25.000 euros da Deputación para deseñar dous parques forestais en Tomonde e Coirego

César Mosquera anunciou que a axuda provincial que se aprobará este venres pretende solucionar parte do "desleixo masivo do monte en Galicia"


19 outubro 2017
Monte

O Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá 24.672 euros da Deputación de Pontevedra para deseñar dous parques forestais no municipio: o de Tomonde, con 197 hectáreas, e o de Coirego, con máis de 65 hectáreas. Esta achega inclúese dentro do plan de creación de parques forestais provincial, que repartirá 443.966,87 euros para redactar proxectos e aplicar medidas de prevención de incendios, poñer en valor a paisaxe e os elementos culturais, patrimoniais e de equipamentos do monte e a dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.

O vicepresidente Mosquera, impulsor deste plan de axudas –cuxas bases se aprobaron en marzo deste ano- considera que "o monte é o grande esquecido" polas administracións públicas a pesar de ser "o maior problema ambiental de Galiza". Destacou que os problemas de planificación e desleixo son "algo masivo, un desastre absoluto en xeral",  polo que a intervención provincial (sen competencias nesta materia)"  é sumamente necesaria e oportuna".

Así, a Deputación concederá este venres un total de 18.912 euros para subvencionar a redacción do proxecto do parque de Tomonde e 5.760 euros para a redacción do proxecto do parque de Coirego. A proposta da creación do parque forestal deféndese por ter o terreo un importante potencial de cara a un uso multifuncional no que se destaquen os valores ambientais, paisaxísticos, edafolóxicos, forestais, culturais e sociais da zona.

Medidas de prevención de incendios

Os dous proxectos para os parques forestais de Cerdedo-Cotobade terán un apartado específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais. Os dous parques concibiranse como zonas resistentes fronte aos incendios ao eliminarse especies coma o eucalipto, a acacia ou a mimosa, e potenciarán as frondosas de folla caduca existentes, reducirán densidades mediante clareos, crearán devasas perimetrais e tamén áreas cortalumes, así como, onde sexa posible, instalarán unha rede de puntos de abastecemento de auga para a extinción de incendios forestais. Así mesmo, a planificación multifuncional para o aproveitamento do monte, con actividades deportivas, educativas e turísticas xunto coa produción de cogomelos, castañas ou, en base ao gando, tamén funcionará como medida preventiva por si mesma.

Parque de Tomonde

O parque forestal de Tomonde contará cunha superficie aproximada de 197 hectáreas nas que a parte arborizada está formada por especies coma o piñeiro, o carballo, o bidueiro ou o abeto, entre outras. Estas árbores conforman, a día de hoxe, unha paisaxe fermosa e en altura cunhas boas vistas cara os vales formados polo río Umia e o Lérez; desde o alto do monte da Lagoa é posible ver a ría de Pontevedra, o que podería dar lugar a futuros miradoiros.

Na proposta de proxecto tamén se contempla un área recreativa de baño e esparcemento aproveitando os nacentes de auga existentes e a orografía de terreo, xa que na zona hai unha vía asfaltada en boas condicións que permitiría facilmente o acceso. Fromúlase, así mesmo, unha zona de autocaravanas e un punto de encontro para o inicio de futuras rutas de sendeirismo, bicicleta de montaña, recollida de setas, rutas a cabalo, "xeocaching", zona de control de avións e drons ou actividades en globo aerostático.

Destacan como elementos singulares dentro da superficie do parque as Eiras dos Mouros, o Outeiro da Cruz, o Santo da Porteliña, ou os restos castrexos de diferentes épocas e mámoas nas partes máis altas do monte, polo que a mellora das condicións deste, destacan os promotores, "actuaría como elemento dinamizador e recuperador do patrimonio, establecéndose rutas e sinalización específicas con información cultural da zona".

Por outra parte, cara a unha multifuncionalidade do monte a redacción do proxecto que recibirá subvención provincial contemplará o silvopastoreo existente e a plantación de cogomelos, xa ben mediante o aluguer da explotación do monte a empresas ou asociacións, ou ben para a promoción de visitas guiadas ou o establecemento dun couto micolóxico. Tamén se prevé, por outra parte, a plantación de castiñeiros pola súa madeira de calidade e a produción de froito e tamén de cogomelos, e é rendible mesmo en pequenas explotacións.

Como punto complementario o proxecto do parque de Tomonde prevé o deseño dunha páxina web con diversos contidos (forestais, culturais, de ocio, educativos), así como aplicacións con aspectos concretos coma rutas senlleiras.

Parque de Coirego

O parque de Coirego abranguerá aproximadamente 65 hectáreas. A subvención provincial para a redacción do proxecto será de máis de 5.000 euros; a intención é poñer en valor unha superficie na que existe unha malla de camiños e sendeiros que une nodos de especial valor que se integran na totalidade do monte de xeito natural. Nestes momentos este espazo é moi utilizado como área de lecer para camiñantes e deportistas, sobre todo de ciclismo de montaña; de feito, estes montes son o lugar onde se realiza nos últimos anos a proba Trasgalaica de BTT, con máis de 350 participantes.

Na proposta presentada á Deputación proponse dividir a actuación no monte en diferentes mouteiras; a máis destacada é a da área recreativa Chan das Latas, na que se pretende habilitar un punto de acollida de visitantes cun bebedoiro e mesas que estará a carón dos petróglifos e a mámoa existentes e catalogados. Por outra parte, quérese poñer en valor o xacemento arqueolóxico de Cruz de Castro, onde se atoparon restos dun castro de orixe romana ou prerromana, así como outros valores de tipo etnográfico coma un muíño de vento e outro de auga. Desde o punto de vista paisaxístico este lugar ofrece unhas magníficas vistas do val, polo que se pretende unha eliminación de eucaliptos e acacias e a rexeneración e plantación de frondosas para o enriquecemento da zona.

Outras propostas para este monte son a potenciación dunha pequena área recreativa vinculada á "casa do cazador", situada na carballeira de Don Elías para celebrar actividades vinculadas ao medio natural dentro da propia construción, coma obradoiros, charlas, campamentos de verán ou outras iniciativas, que tamén poderían estar vinculadas a unha zona de mesas de pedra.  Finalmente, entre outras actuacións noutras mouteiras, quérese potenciar o uso social da zona da Poza de Coirego, unha charca de montaña onde tamén está o observatorio astronómico de Cotobade, para crear unha zona de recepción de visitantes, e a instalación de fontes, mesas, sinalización e colectores.