Noticias

O Concello de Carballo toma como referente o CAAN da Deputación de Pontevedra para mellorar as instalacións do seu refuxio municipal de animais

Representantes do municipio coruñés visitaron o centro da Armenteira para coñecer as obras de ampliación levadas a cabo e os servizos que ofrece


20 decembro 2020
Concello Carballo visita CAAN

Unha representación do Concello de Carballo visitou esta semana o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación, ao obxecto de coñecer de primeira man as instalacións provinciais situadas na Armenteira, así como tamén as recentes obras de ampliación realizadas este ano para mellorar as dependencias. O deputado provincial Manuel González acompañou nesta visita ao concelleiro Lois Lamas e a un técnico do concello coruñés, que quixeron coñecer o modelo deste servizo da institución provincial, xa que estudan unha mellora ou ampliación do seu refuxio de animais municipal.

Os representantes do Concello de Carballo decidiron esta visita ao coñecer que o CAAN é referencia neste eido e conta cunhas instalacións completamente actualizadas. Tras percorrelas, quedaron impresionados polas dependencias e funcionamento do centro. Aínda que o refuxio de Carballo é de ámbito municipal e por elo cun volume menor de poboación (31.000 habitantes fronte aos 350.000 do CAAN), destacaron que as obras realizadas e os servizos que se prestan no Centro de Acollida de Deputación son un exemplo que pode guialos.

O CAAN tamén ten suscitado interese doutras administracións públicas, que teñen preguntado e pedido datos á Deputación para coñecer das súas instalacións e prestacións.

Deste xeito, o centro xa é un referente non só na provincia de Pontevedra, senón a nivel galego e estatal, na recollida e atención dos cans e cadelas abandonados.