Noticias

O Concello de Cangas acolle desde este venres a mostra da Deputación "Achegas das Mulleres á Sustentabilidade do Mar"

A exposición, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, poderá visitarse no Auditorio Municipal ata o vindeiro 21 de marzo


27 febreiro 2019
Achegas das Mulleres á Sustentabilidade do Mar

O Auditorio Municipal de Cangas acollerá este venres ás 12.00 horas a inauguración da exposición da Deputación "Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar", unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. Así, a mostra poderá visitarse ata o día 21 de marzo en horario de martes a sábados de 17:00 h. a 21:30 h.

"Achegas a mulleres do mar" chega a vila do Morrazo tras o seu paso pola Sala de Exposicións do Concello do Rosal, polos Salón de Plenos de Cambados e de Nigrán, polo Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en Poio, pola Praza de Abastos de Mondariz, polo Museo do Mar da Guarda, polo Campus de Ourense, polo Campus de Vigo e polo de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.