Noticias

O Concello de Campo Lameiro conta cun novo centro de estancia para persoas maiores grazas ao Plan Reequilibrio da Deputación de Pontevedra

O novo edificio, no que se investiron preto de medio millón de euros, responde a unha demanda histórica deste Concello e enmárcase no obxectivo da institución provincial de dotar de servizos aos municipios do rural para fixar poboación


09 novembro 2020
O deputado, xunto co alcalde e outros membros da corporación diante do cartel de obras

Campo Lameiro dispón dun Centro de Estancia para Persoas Maiores despois de que a Deputación de Pontevedra investira 462.716,10 euros con cargo ao seu Plan de Reequilibrio. O novo equipamento foi visitado hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, quen destacou que este inmoble "é un gran lugar para poder estar e desfrutar, e un lugar de vida para un concello do rural que como tantos outros padece os efectos do avellentamento da poboación" .

Na visita, acompañado polo alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e a deputada Ana Laura Iglesias, Santos Héctor destacou que dotacións como este Centro de Maiores permiten "manter servizos nestes concellos e fixar poboación, ademais de favorecer equipamentos sociais para as persoas que máis o necesitan" e recalcou que con estes proxectos "non só construímos edificios, senón sociedades máis xustas e solidarias interxeracionalmente, no marco da Axenda 2030".

O novo centro de día ocupa un funcional edificio dunha soa altura coa forma dunha gran caixa de formigón e con amplas fiestras para favorecer o contacto co exterior. No seu interior aposta pola madeira para dar calidez ás instalacións. Ademais, como destacou o deputado, está "moi ben encaixado no desnivel propio do terreo e integrado na paisaxe" para respectar á contorna, na que se sitúa a igrexa de San Miguel, o seu cruceiro e as escaleiras do cemiterio. Neste senso, a orografía e a proximidade destes elementos patrimoniais protexidos condicionaron o proxecto arquitectónico, de modo que o teito se sitúa nunha cota de 3 metros por debaixo do chan da igrexa para non consolidar ningunha barreira visual.

O edificio conta cunha superficie de 387 metros divididos nas instalacións de administración, fisioterapia e rehabilitación, ximnasio, sala de usos múltiples (de 83 metros cadrados), recepción e sala de espera, mentres que no exterior tamén conta cun soportal frontal e dous accesos. Santos Héctor fixo fincapé tamén na completa accesibilidade do edificio, "con ramplas e sen escaleiras interiores, especialmente deseñado para o fin perseguido" e onde as persoas maiores "estarán ben atendidas e poderán socializar". "Hoxe –engadiu– vemos que coa financiación da Deputación se fixo posible este centro de día. É un exemplo de dúas entidades locais da provincia, a Deputación e o Concello, de distintas cores políticas, que estamos a colaborar nun proxecto que vai máis alá das nosas competencias, ocupando o espazo de políticas públicas que corresponden á Administración autonómica., pero que ao non estar cubertas é preciso desenvolver".

Pola súa banda, o alcalde Carlos Costa agradeceu a colaboración da institución provincial para levar adiante este proxecto e amosou a súa confianza en poder "seguir colaborando deixando aparte as cores de cada partido".

Case 3,6 millóns de euros de investimento provincial en Campo Lameiro

O Concello ten recibido case 3,6 millóns de euros da Deputación desde o ano 2015. Con cargo ao Plan Concellos, Campo Lameiro executou un total de 21 obras, entre as que destacan obras de depuración e saneamento, mellora de camiños rurais e tamén algunha rúa do seu centro urbano. Tamén co Plan Concellos puido contratar a 51 traballadoras e traballadores para prestación de servizos municipais.

Campo Lameiro tamén obtivo subvención dos dous plans extraordinarios convocados pola Deputación neste tempo para impulsar infraestruturas municipais á marxe do Plan Concellos. Así puido peonalizar o eixe de conexión da casa do concello co barrio da Chanciña con cargo ao Plan DepoRemse (348.268 euros) e agora pode estrear este Centro de Estancia con cargo ao Plan de Reequilibrio.