Noticias

O centro de maiores que a Deputación constrúe en Campo Lameiro estará listo nun prazo de mes e medio

O deputado Santos Héctor visitou hoxe as obras, financiadas ao abeiro do Plan Reequilibrio e o Plan Concellos e que contan cun orzamento de 517.003,71 euros


19 agosto 2019
Centro de maiores Campo Lameiro

O centro de maiores que a Deputación de Pontevedra constrúe no concello de Campo Lameiro estará rematado "nun prazo de mes e medio". Así o asegurou esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, tras visitar xunto ao alcalde da localidade, Carlos Costa, o deputado Gregorio Agís e a deputada Ana Laura Iglesias os traballos que a institución financia a0 100 % ao abeiro do Plan Reequilibrio e do Plan Concellos.

Santos Héctor subliñou que este centro, cun orzamento de 517.003,71 euros (dos que 367.003,71 se financian a través do Plan Reequilibrio e os restantes 150.000 a través do Plan Concellos), "é unha obra moi demandada ao longo destes anos pola veciñanza, que reclamaba un espazo de estancia para as persoas de maior idade". Neste sentido, indicou que a nova instalación ofrece un espazo para promover a convivencia e a integración social no que ademais se lle ofrecerá á xente maior unha serie de coidados e atención de carácter persoal, terapéutico e social e que tamén incorpora uso deportivo, cun espazo para a actividade física adaptada ás persoas de idade avanzada. Os traballos comezaron en decembro e tiñan un prazo de execución de nove meses "que se vai cumprir", xa que, segundo indicou, as obras están practicamente rematadas. "Grazas a esta actuación", destacou o deputado de Cooperación, "Campo Lameiro vai contar cunha instalación esencial para o coidado das persoas maiores, unha dotación moi necesaria hoxe en día e especialmente no rural, porque cada vez a poboación é maior e demanda que haxa servizos como este que permitan manter e mellorar a nosa calidade de vida, como sinalou a presidenta Carmela Silva cando tivemos ocasión de estar aquí ao inicio das obras".

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Costa, agradeceulle á Deputación "o esforzo que está a facer axudándonos en moitas obras" e lembrou que "este é un centro moi necesario porque o rural envellece cada vez máis".

Máis polo miúdo, o Centro de Estancia de Campo Lameiro consta dunha única planta, que se aproveita do desnivel existente para situarse nunha cota inferior aos elementos protexidos da zona (igrexa, praza e cruceiro), evitando converterse nunha barreira visual e respectando a contorna. Así mesmo, a instalación divídese en catro volumes básicos nos que o principal ten dous usos, o administrativo e o de estar. Na primeira parte figuran a recepción, unha oficina, o vestiario de persoal e a sala de instalación. Tamén está a sala multiusos, que pode funcionar como estancia única ou dividirse en dúas ou tres estancias a través de tabiques móbiles.

Os outros tres volumes conéctanse co principal a través dun corredor e organízanse en zona de fisioterapia, ximnasio e área de hixiene. Na primeira pódense habilitar unha ou dúas salas co mesmo sistema de tabiques móbiles, mentres que o ximnasio ofrece unha sala con todos os aparellos necesarios para as persoas maiores e, por último, a área de hixiene contén os aseos e a oficina do persoal.

Santos Héctor lembrou ademais que o compromiso da Deputación cos concellos da provincia, en concreto co de Campo Lameiro, "vén dado en todo o mandato" e, neste sentido, indicou que desde 2015 a institución provincial investiu case 3 millóns de euros (2.899.081,22 eur0s) neste municipio. No que se refire en concreto ao Plan Concellos, desde o inicio do pasado mandato Campo Lameiro financiou catorce obras por 997.949,23 euros e contratou 44 persoas desempregadas para traballar no Concello. Este ano, a Deputación inviste neste concello 380.796,80 euros ao abeiro deste plan, un 3,21 % máis que no 2018, dos que 150.000 corresponden á obra do centro de maiores e 83.269,01 destínanse á contratación de nove traballadoras e traballadores para o Concello. E, grazas ao Plan Reequilibrio, completouse o financiamento da obra do centro de maiores.