Noticias

"O cemiterio dos ingleses" abrirá de xeito extraordinario e exclusivo para as persoas participantes no roteiro literario de Vilagarcía

O consulado inglés autorizou a apertura deste espazo con motivo do roteiro que o vindeiro sábado guiará o autor Marcos Calveiro baseado na súa obra ‘O xardineiro dos ingleses"


29 agosto 2018
O cemiterio dos ingleses estará aberto durante o roteiro literario de Vilagarcía

"Hoxe é a primeira vez que entro legalmente neste cemiterio" asegurou esta mañá o escritor Marcos Calveiro ás portas do coñecido como o "cemiterio dos ingleses" na presentación do roteiro literario que guiará o vindeiro sábado por diversos puntos de Vilagarcía de Arousa.  Tal e como recolle en ‘O xardineiro dos ingleses', a obra que dá pé ao roteiro, Marcos Calveiro saltou a tapia do cemiterio da British Naval para visitar o recinto cando se estaba documentando para a escrita do libro, debido a que este espazo habitualmente permanece pechado ao público. 

Tanto para a presentación desta mañá como para o roteiro do sábado, o consulado inglés autorizou a apertura polo que será unha ocasión única para poder coñecer este espazo e a súa historia ligada á literatura máis recente. Na presentación, ademais do autor, tamén participou a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística da localidade, Sonia Outón, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Este roteiro forma parte dun conxunto de sete paseos literarios pola provincia organizados polo Servizo de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega. Sobre esta iniciativa, Xosé Leal asegurou hoxe en Vilagarcía que "o que tratamos de poñer en valor son os espazos nos que transcorren as obras, para que a literatura na nosa lingua teña vida máis aló do libro e que se relacione a historia que narra co lugar onde ten lugar". Sobre o libro ‘ O xardineiro dos ingleses', Leal lembrou que "foi merecedor do premio García Barros do ano 2017 e aínda segue tendo moita presenza nas lectoras e nos lectores un ano despois" e indicou que "este foi un dos primeiros roteiros en esgotar as prazas". Pola súa banda a concelleira de Cultura amosou a súa satisfacción "porque teremos a oportunidade de recordar toda esa Vilagarcía de comezos do pasado século que foi a Vilagarcía dourada e próspera, e combinala coa visión de Marcos Calveiro desa outra Vilagarcía non tan próspera que era a do rural".

O roteiro comezará ás 11:30 h no cemiterio dos ingleses e percorrerá diferentes enclaves do centro urbano que aparecen referenciados no libro e que serven de escenario para as vidas de Delia Cores e o seu fillo Edelmiro como son o edificio no que estivera o salón Varietés, o Café e o hotel Moderno, o salón García, a Alameda e a Peixería, o pazo e a praia de Vistalegre ou as mansións de Camboa.

Este roteiro será o segundo que a Deputación programa neste ano, tras o celebrado o pasado sábado en Moaña coas traballadoras do mar como protagonistas e guiado polo poeta Xosé Daniel Costas Currás. Esta xeira continuará o sábado 8 de setembro en Cuntis cun roteiro dedicado á figura de Roberto Blanco Torres, e que estará guiado por Marcos Seixo. O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Vigo o sábado 15, leva por título ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta' e estará guiado por Ledicia Costas. Ao sábado seguinte, 22 de setembro, será Susana S. Aríns a que guíe o roteiro ‘seique, quando os passeios eram morte' que descorrerá por diversos puntos de Ribadumia, Meis e Barro. O sábado 29, Marga do Val será a encargada de guiar o roteiro ‘Tui na literatura galega'; e por último, o sábado 6 de outubro, Lucía Novas encabezará o roteiro dedicado a Johan Carballeira pola vila de Bueu. A día de hoxe tan só quedan prazas nos roteiros de Cuntis e nos de Tui e a inscrición pode facerse a través do correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal