Noticias

O catedrático de economía pontevedrés Luís Caramés aborda as incertezas da recuperación económica no Ciclo Aida Fernández Ríos


25 novembro 2020

O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés Viéitez, participa este xoves, a partir das 19 horas, nun novo relatorio en liña do ciclo de divulgación científica Aida Fernández Ríos, promovido pola Deputación de Pontevedra coa colaboración da Real Academia Galega de Ciencias. O profesor pontevedrés, cunha charla titulada "Incerteza e ciclo económico" abordará non só a situación actual, senón as expectativas e as condicións para a recuperación.

A sesión é a penúltima deste ciclo divulgativo que aborda distintos aspectos do coñecemento científico no relativo á saúde, á tecnoloxía e á economía, as persoas interesadas deben inscribirse no portal da Deputación www.depo.gal. Terá unha duración duns 40 minutos incluíndo a exposición e a quenda de preguntas e respostas.

Luis Caramés destaca que a palabra incerteza impregna tódalas análises sobre a crise socioeconómica máis inesperada e máis grave que temos sufrido. Na súa opinión, a variable fundamental para disipar a incerteza é a vacina. "O mundo entrou nunha vaga de incerteza extraordinaria e a incerteza é o peor para a economía. Unha das palancas do crecemento é o investimento. Quen inviste se non hai posibilidade de retorno?", explica. O experto non se define nin no bando dos economistas optimistas, nin dos pesimistas e prefire o termo "realista". A situación provocada polo virus é mala, advirte, e todo apunta, engade, a que a recuperación vai a ser en forma de letra u, unha u cuxa base estase a alongar precisamente a causa da incerteza. Non obstante, apunta que "se somos capaces de xestionar ben as axudas europeas haberá recuperación", aínda que pide que tódolos poderes públicos colaboren "a clarificar ao máximo o escenario". "Por sorte estamos na Unión Europea, e a UE, por primeira vez, asumiu unha actuación mancomunada, cousa que era impensable hai escasos meses". Con todo aposta por apoiar "proxectos tractores" en lugar dun "orballo difuso".

Caramés foi o primeiro presidente do Consello Galego de Relacións Laborais. Actualmente, ademais de catedrático da USC, é profesor invitado das Universidades de Burdeos e Pau (Francia), Católica de Santos, Pontificia de Sao Paulo e Business School de Curitiba (Brasil). Académico da Real Academia Galega de Ciencias e membro correspondente da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Ex director da Cátedra Bolívar para as relacións con América Latina, editor da revista Urban Public Economics Review e presidente da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, entidade con sede no pazo de Ribas (Sober-Lugo), dedicada á prosperidade e desenvolvemento cultural de Galicia.

O ciclo Aida Fernández Ríos concluirá o 3 de decembro cun último seminario virtual formado por dúas charlas que versarán sobre pesca, acuicultura e biotecnoloxía: a catedrática de Bioloxía Concepción Ferreiro falará acerca das "Microalgas: Microfactorías verdes" e a coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC, Isabel Medina, falará sobre "O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura".