Noticias

O castro de Toiriz e un machado votivo levarán a comarca do Deza ao Museo Arqueolóxico Nacional a través de "Galaicos. Un pobo entre dous mundos"

A impoñente mostra promovida pola Deputación de Pontevedra chegará o mércores a Madrid e será inaugurada polo Ministro de Cultura e a presidenta provincial


27 outubro 2018
Galaicos un pobo entre dous mundos

O castro fortificado de Toiriz, en Silleda, e un machado votivo representarán á comarca do Deza na exposición itinerante "Galaicos. Un pobo entre dous mundos" que, promovida pola Deputación de Pontevedra, poderá visitarse no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid desde o próximo 31 de outubro. Esta mostra, que será inaugurada polo Ministro de Cultura, José Guirao, e a presidenta provincial, Carmela Silva, ten por obxectivo a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da provincia coa intención de potenciar este tipo de turismo cultural.

Máis polo miúdo, o castro de Toiriz é un dos once xacementos que forman parte de "Galaicos. Un pobo entre dous mundos". Trátase dun castro fortificado da Segunda Idade do Ferro que conserva unhas potentes defensas constituídas por fosos e parapetos que se poden ver sen levar a cabo traballos arqueolóxicos. O entorno foi recuperado a través das tarefas de limpeza, de roce e de sinalización interpretativa. Ademais, en breve licitarase un proxecto de musealización polo Ministerio de Fomento, a través do convenio que mantén coa Deputación provincial.

Tamén chegará a Madrid unha peza conservada, ata o momento, no Museo de Pontevedra. Trátase dun machado votivo que data dos séculos IV e I a.n.e. e é considerada unha peza singular do noroeste peninsular tanto polos detalles como polo seu estado de conservación. É de bronce, con diferentes representacións de carácter ritual posto que conxuga a representación da cabeza dun touro, un caldeiro de bronce e un torque, elementos cunha marcada funcionalidade cerimonial. Ademais, é a primeira vez que sae do Museo de Pontevedra para ser exposto.

"Galaicos, un pobo entre dous mundos" é unha mostra composta por 2 pezas audiovisuais, 7 proxeccións, 5 ámbitos expositivos, 11 xacementos, 65 obxectos arqueolóxicos, 24 vitrinas, 210 m2 de exposición, 21 ilustracións arqueolóxicas e 10 entidades prestameiras de toda Galicia e Asturias. Ademais de visitar Madrid este ano, está previsto que entre o 2019 e o 2020 teña presenza no Museo de Prehistoria de Valencia, no Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e no Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a Deputación de Pontevedra manterá a mostra entre 4 e 6 meses. Ademais, os comisarios desta exposición son Rafael Rodríguez, arqueólogo da institución provincial e Antoni Nicolau, experto en patrimonio cultural e comisario de numerosas mostras.

Convocatoria presentación 'Galaicos, un pobo entre dous mundos' (pdf)