Noticias

O castelo de Soutomaior entra no Club de Producto de Turismo Cultural Castillos y Palacios de España

Carlos Font asiste en Cuenca á presentación da nova oferta de turismo cultural. "Nos vai situar na vangarda desta oferta e ao mesmo nivel de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte"


30 novembro 2017
Carlos Font asiste en Cuenca

O castelo de Soutomaior únese ao Club de Produto de Turismo Cultural Castillos y Palacios de España que impulsa a Secretaría de Estado de Turismo e a Asociación de Castillos y Palacios Turísticos de España. O deputado de Patrimonio, Carlos López Font participa en Cuenca na xornada de presentación deste "Club de Producto" e das accións de promoción futuras de esta nova oferta turística.

Para as entidades organizadoras desta xornada o castelo de Soutomaior reúne as condicións necesarias para incluílo nesta oferta turística polas súas condicións e as accións que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo nestes dous últimos anos para a súa promoción. Así o destacou o presidente da Asociación de Castillos y Palacios Turísticos de España, Javier Fitz-James Stuart de Soto, que celebrou os traballos feitos pola Deputación para recuperar este castelo e convertelo nun atractivo turístico de primeiro orde na provincia de Pontevedra.

Ao mesmo tempo, anuncioulle a Carlos López Font, a súa disposición para achegarse ate Soutomaior na próxima primaveira para coñecer de primeira man o castelo de Soutomaior e recordou que él é un descendente de Pedro Madruga, señor de Soutomaior.

Carlos López Font subliñou a importancia de participar nun encontro como o de hoxe en Cuenca xa que coincide plenamente co proxecto que temos desde a Deputación de promocionar os dous castelos da institución provincial como destinos turísticos culturais da maior importancia na provincia de Pontevedra "o que nos vai situar na vangarda desta oferta e ao mesmo nivel de castelos moi coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte, que nos acolle nesta xuntanza".

Ate de agora non se traballou a nivel estatal en configurar un produto turístico tomando como elemento principal os castelos e palacios onde mostrar a historia de España e un patrimonio cultural atractivo aderezado con experiencias turísticas novas e singulares. Pero a Deputación de Pontevedra xa puxo en marcha unha serie de iniciativas en Soutomaior, precisamente polas posibilidades deste produto turístico, como o demostra as máis de 28.000 visitas que se rexistraron nos primeiros dez meses deste ano.

Agora a Secretaría de Estado de Turismo quere afrontar dun xeito coordinado a oferta cultural que pode supoñer as visitas a castelos e palacios polo que está iniciativa presentase na xornada de Cuenca. De feito vanse presentar as experiencias de cinco proxectos xa en marcha como son o castelo de Almodóvar, castelo de Manzanares el Real, castelo e palacio de Peñaranda, castelo de Cuéllar e o castelo de Peñafiel. Todos eles integrantes da Asociación Castillos y Palacios de España que preside Javier Fitz-James Stuart.

Neste intre, tras a adxudicación por parte da Deputación de Pontevedra, estanse a elaborar os contidos do plan de musealización do castelo de Soutomaior por parte da empresa Croquis Dissenys Muntatges i Realitzacions S. A. no que se delimitará a zona de control de acceso ao castelo e os xardíns disporán dun espazo introdutorio. Os eixos temáticos desta musealización incluirá os dez séculos de historia do castelo de Soutomaior ata a importancia do enclave do recinto para o control do territorio, a linaxe dos Soutomaior, o asalto e a destrución do castelo a cargo das revoltas Irmandiñas, a fortaleza como centro de poder político e económico, as figuras de Pedro Madruga, Cristóbal Colón e da marquesa de Ayerbe, as continuas adaptacións do castelo ou as reformas efectuadas dende o século XII ata o XX.

Ademais destas actuacións, a empresa gañadora do concurso aporta importantes melloras como ampliar ata en 24 meses máis o período de garantía do proxecto e ofrecer os contidos e información sobre o castelo ata en 10 idiomas, sete máis dos que a institución provincial esixía no concurso público (galego, castelán e inglés).

Con este plan configurarase toda a oferta ademais das visitas teatralizadas, que se fan desde 2016, e coa delimitación das diversas sendas peonís que ofrecen as 25 hectáreas que compoñen a superficie total do castelo de Soutomaior.

Fotos