Noticias

O castelo de Soutomaior acollerá o espectáculo teatral Té con Kant dentro do programa da Deputación "Re-acción nos castelos!"

O evento, organizado polo ente provincial, terá lugar o xoves 13 de agosto ás 19:30 horas e estará a cargo da compañía Inversa Teatro


12 agosto 2020
Castelo de Soutomaior

É posible un mundo e unha sociedade mellores baixo os ditames da razón ilustrada ou esta é, ad infinitum, unha condena ao fracaso? Esta é a pregunta fundamental que a compañía Inversa Teatro pretende responder no espectáculo Té con Kant, que terá como escenario o patio de armas do Castelo de Soutomaior e será o xoves 13 de agosto ás 19:30 horas. O evento, organizado pola Deputación, atópase enmarcado dentro do programa de dinamización cultural "Re-acción nos castelos!" e está dirixido a un público adulto.

A través do humor e a ironía, este proxecto experimental escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e a propia Marta conxugará o ensaio filosófico e a creación escénica para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro didáctico. A cita ten unha duración aproximada de 90 minutos e conta con protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento ante a crise sanitaria xerada pola COVID-19, polo que as e os asistentes deberán asistir obrigatoriamente con máscara e os accesos e a capacidade controlaranse de xeito exhaustivo.

Inversa Teatro, a compañía produtora do espectáculo, foi fundada no ano 2009. Actualmente, ten en cartel cinco producións teatrais: Expostas, Kamouraska, Paper Dolls, Té con Kant e Fémina Sapiens. Dous dos puntos clave para Inversa Teatro son a súa intención feminista e a súa aposta filosófica, polo que non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade e sexan críticas coas estruturas sociais e políticas do sistema.

"Re-acción nos castelos!", o programa no que se atopa inserida esta cita, ten como pretensión principal reactivar a programación cultural tras o estado de alarma e confinamento. Para isto, a Deputación de Pontevedra organiza manifestacións artísticas que levarán a todos os públicos a sentir estes espazos cheos de maxia e memoria desde todos os sentidos. O ciclo recolle artes escénicas e música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica. Así, este programa está inserido no plan de reactivación da cultura Re-Acción cultural, que o ente provincial puxo en marcha cun orzamento de 2,5 millóns de euros para recuperar a cultura en vivo.