Noticias

O castelo de Soutomaior acolle este domingo a cata amateur Ruta do Viño Rías Baixas por segundo ano consecutivo

A cata a cegas, que esgotou en catro días as 100 prazas ofertadas, amosará os matices de ao redor de 30 referencias de 16 adegas. O evento contará coa actuación musical do dúo vigués La Franga e cunha degustación gastronómica


15 novembro 2019
Cata Soutomaior

O castelo de Soutomaior acolle este domingo por segundo ano consecutivo a cata amateur da Ruta do Viño Rías Baixas, na que se amosarán os matices de ao redor de 30 referencias de 16 adegas asociadas á ruta. "É un día para poñer en valor os nosos exquisitos viños, o noso produto e a nosa cultura nun espazo tan ideal como é o castelo de Soutomaior", asegurou a presidenta Carmela Silva.

A cata a cegas, na que serán protagonistas os viños de denominación Rías Baixas, comezará ás 11 da mañá e dividirase en dúas partes. Na primeira, o sommelier Nacho Costoya guiará as persoas participantes na cata dos cinco primeiros viños, explicando os principais detalles (visuais, olfactivos e gustativos) nos que as e os asistentes deberán focalizar a súa atención. Na segunda, as persoas participantes terán que agudizar os seus sentidos porque comezará a cata, na que se presentarán tres dos cinco viños degustados inicialmente, que serán os que o público deberá acertar a cegas. Para as persoas gañadoras haberá un premio dunha estancia en establecementos adscritos á Ruta do Viño e tamén un sorteo de lotes de bodegas da Ruta do Viño Rías Baixas.

A actividade, que terá lugar ademais no Día Europeo do Enoturismo, compleméntase cunha visita previa e por libre ao castelo de Soutomaior. Ademais, a xornada contará con música en directo do dúo vigués La Franga, integrado por Fran Brea e Jorge Villar, que amenizará a cata con éxitos musicais de todos os tempos. Xunto coa música haberá tamén unha degustación gastronómica con produtos das Rías Baixas, coma conservas e embutidos, elaborados por empresas situadas na provincia de Pontevedra.

Audios

  • Audio