Noticias

O Castelo de Sobroso será escenario dunha función sobre María Pita dentro do programa da Deputación "Re-acción nos castelos!"

O evento, orientado a un público infantil e organizado polo ente provincial, terá lugar o mércores 12 de agosto ás 17.30 horas e estará a cargo da actriz Cristina Collazo


11 agosto 2020
re-acción nos castelos

"María Pita: conversas cunha heroína" é o nome da función coa que a actriz Cristina Collazo tratará de poñer o foco sobre a desigualdade que aínda persiste entre homes e mulleres. O evento terá lugar mañá, mércores 12 de agosto, ás 17.30 horas no xardín do Castelo de Sobroso, en Mondariz. Tomando a figura da histórica defensora da Coruña contra a flota inglesa, a obra, organizada pola Deputación de Pontevedra e inserida dentro do programa de dinamización cultural "Re-acción nos castelos!", realizará un paralelismo escénico entre os séculos XVI e XXI.

Este proxecto, orientado a nenas e nenos a partir dos 4 anos acompañados das familias, conxugará os monicreques, a danza e a participación activa dos asistentes a través do humor e a ironía para amosar as semellanzas que existen entre María Pita e unha árbitra de fútbol. Así, ambas personaxes expoñerán os obstáculos vitais ós que tiveron que facer fronte para demostrar que a desigualdade entre xéneros continúa a existir nas sociedades actuais.

A cita terá unha duración aproximada de 90 minutos e conta con protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento para facer fronte á crise sanitaria xerada pola pandemia de covid-19, polo que os asistentes deberán asistir con máscara de xeito obrigatorio e os accesos e a capacidade serán controlados de xeito exhaustivo.

Cristina Collazo, a actriz encargada da función, conta con ampla formación e experiencia no eido dramático. Entre os proxectos que levou a cabo atópanse pezas teatrais familiares como "Procúrase Pepa a Loba", concertos sensoriais para bebés, contacontos como "Carmiña a Meiga" ou comedias musicais como "A gata con zocos". En televisión, destaca a súa participación nas series "O sabor das margaridas", "Pazo de familia" e "Dalia, a modista".

"Re-acción nos castelos!" ten como pretensión principal reactivar a programación cultural tras o estado de alarma e confinamento. Para isto, a Deputación de Pontevedra organiza manifestacións artísticas que levarán a todos os públicos a sentir estes espazos cheos de maxia e memoria dende todos os sentidos. O ciclo recolle artes escénicas e música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica para todos os públicos.