Noticias

O castelo de Sobroso "re-acciona" a ritmo de Falúa da man da Deputación

A presidenta Carmela Silva non quixo perderse a actuación de Sara de Sousa e Gonzalo Goás, que encheron o recinto de música fusión entre a tradición galega e lusófona


07 agosto 2020
Concerto de Falúa

Nin unha cadeira baleira. Xa había tempo que todas as prazas estaban esgotadas para ver o dúo Falua, actuación enmarcada no programa cultural "Re-Acción... nos castelos!" da Deputación de Pontevedra, pero o espectáculo musical da cantante Sara de Sousa e do guitarrista acústico Gonzalo Goás Amado superou todas as expectativas. Un concerto espectacular nun dos enclaves patrimoniais de maior beleza da provincia, ao que tamén asistiu a presidenta provincial, Carmela Silva, a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e o deputado provincial Santos Héctor.

O máxico recinto de Sobroso quedou en silencio ás 19:30 horas para escoitar con atención as notas que deron comezo ao concerto de Sara de Sousa e Gonzalo Goás, unha actuación longamente aplaudida, na que a formación folk do violista mestúrase coa tradición fadista para crear o estilo que lle dá unha nova luz a temas que forman parte da historia musical lusófona. Ambos levaron o público, que gardou todas as medidas de seguridade de distancia e a máscara obrigatoria, a un percorrido polos sons da lusofonía con músicas galegas, portuguesas e mesmo brasileiras.

"Re-Acción... nos castelos!" volverá o próximo mércores 12 ao castelo de Sobroso, coa contacontos infantil Cristina Collazo e o seu Nin príncipes nin princesas. Ao día seguinte, o xoves 13, a compañía Inversa Teatro porá en escena no castelo de Soutomaior un peza titulada Té con Kant, unha actividade enmarcada en "O teatro vén de visita". Para poder asistir ás actuacións de "Re-acción... nos castelos!" precísase inscrición previa a través do correo cultura@depo.es. Todas as accións contan coas medidas de seguridade pertinentes, protocolos COVID-19 e o uso obrigatorio da máscara para as persoas asistentes.