Noticias

O campo Manuel Regueiro, na Estrada, estrea herba sintética de última xeración e moderniza instalacións cunha achega de 200.000 euros da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor destaca que o campo, que hai 15 anos foi o primeiro da provincia en contar con superficie artificial, mellorou tamén a súa accesibilidade cun novo aseo adaptado


10 maio 2021
Campo de futbol A Estrada

O campo de fútbol Manuel Regueiro no Concello da Estrada estrea nova imaxe e prestacións coa renovación da súa superficie de herba sintética, que estaba completamente desgastada, e a construción dun aseo accesible e a ampliación do almacén de material, obras todas elas financiadas pola Deputación ao abeiro do Plan Concellos cun investimento total de 200.000 euros. As actuacións foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, José López Campos. No acto participou tamén o deputado Manuel González.

O Manuel Regueiro (antigo campo de Figueroa) foi o primeiro terreo de xogo da provincia en ser dotado de superficie artificial e foi inaugurado en abril de 2006. Despois de 15 anos de uso intensivo estrea agora un céspede artificial de cuarta xeración, coas homologacións FIFA e cumprimento da norma UNE, formado por unha mestura de fibras de 40 mm de altura, baixa abrasión e moi resistente aos raios solares, á calor e tamén ao xeo. A superficie está "lastrada" con area de sílice e caucho para garantir as condicións necesarias para a práctica deportiva. As obras financiadas pola Deputación consistiron tamén na incorporación dun aseo adaptado para persoas con diversidade funcional nas proximidades da cantina, corrixindo así unha importante eiva, e a ampliación do almacén do material deportivo.

Un total de 25 equipos que xogan ou adestran nesta instalación, entre eles a Escola Estradense de Fútbol Base, o que se traduce nun uso intensivo. Ademais de ter achegado os fondos para a execución da obra, a Deputación proporcionará tamén ao Concello da Estrada a fórmula para un adecuado mantemento no futuro a través do servizo de apoio creado no ano 2017 e dotado con maquinaria específica. Durante o ano pasado actuouse nun total de 61 campos de herba artificial da provincia.

O deputado Santos Héctor lembrou que este campo foi o primeiro con herba sintética na provincia e destacou a importante transformación que agora se acomete, dotándoo cun tapete verde de última xeración moi distinto do anterior e " do que van gozar os máis de 500 nenas e nenos da escola de fútbol e todos os equipos". O deputado valorou, ademais, a incorporación dun aseo adaptado nunha acertada aposta pola accesibilidade. Á vista dos resultados alcanzados felicitou ao Concello e ao persoal técnico pola calidade do proxecto.

 

"Xa lle tocaba"

O alcalde, José López, afirmou que esta obra "é un exemplo que acredita que a Deputación e os concellos colaboramos para facer obras que son de interese para a veciñanza". Tras destacar a necesidade de investir na modernización dos equipamentos deportivos afirmou que A Estrada está a celebrar a cualificación do Club Deportivo Estradense para a fase de ascenso a Segunda RFEF. López Campos lembrou que o Manuel Regueiro é "a base de operacións" non só do fútbol base, senón tamén do fútbol gaélico e o fútbol feminino e precisaba desta obra. "Xa lle tocaba unha renovación e gracias ao Plan Concellos fomos quen de conseguir estes 200.000 euros". O alcalde engadiu: "son moitas as infraestruturas que se teñen feito gracias ao Plan Concellos que son moi visibles e son moi útiles, así que cando os recursos públicos se utilizan deste xeito pódese facer o balanzo con satisfacción".

A Deputación leva investidos na Estrada máis de 14,6 millóns de euros desde que en 2015 se produciu o cambio no Goberno provincial. A Estrada conta este mesmo ano cunha achega do Plan Concellos de 1.538.378 euros para seguir facendo obras e actuacións de competencia municipal. O municipio afrontou xa un total de 31 obras con cargo ao Plan Concellos desde a súa creación. Este mesmo ano continuará pavimentando camiños no rural cun orzamento de 600.000 euros. A maiores tamén pavimentará rúas do seu centro urbano con outros 230.000 euros. Finalmente, mellorará o Teatro Principal, subministrará instrumentos ao Conservatorio, reforzará a iluminación da rúa Serafín Pazo. Con cargo á Liña 3 de Emprego, o Concello puido contratar a 144 persoas desempregadas para traballar en servizos municipais.

Fotos