Noticias

O bosque do castelo de Sobroso revive o seu esplendor medieval coa plantación de 1.200 árbores autóctonas e a eliminación de invasoras

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, comproba os resultados dunha actuación que precede á estrea do gran proxecto de musealización da fortaleza


24 xullo 2021
Reforestación Sobroso

Unha achega de máis de 45.000 euros da Deputación permitirá ao bosque de Sobroso recuperar o seu esplendor medieval. A actuación, que foi visitada pola presidenta, Carmela Silva, permitiu a eliminación de especies invasoras e a plantación de 1.200 novos exemplares de árbores autóctonas. Á visita asistiron tamén a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; as deputadas Iria Lamas e Victoria Alonso; a tenente de alcaldesa, Chus Garrote e concelleiras/os ponteareáns. O percorrido estivo guiado polo enxeñeiro técnico do Servizo de Medio Ambiente, Roberto Vázquez.

A reforestación, que comezou a finais de 2020, trátase dun paso previo ás obras de musealización do castelo coas que a institución provincial está a impulsar a posta en valor do recinto como espazo cultural e natural. Estes traballos enmárcanse no plan de valorización do Bosque Atlántico que rodea o castelo, e consistiron na erradicación das especies invasoras existentes en 13 das súas 23 hectáreas (principalmente acacias e eucaliptos) e na plantación de carballos, castiñeiros, acevos, albedros e ameneiros, que terán un mantemento anual para garantir o seu óptimo desenvolvemento. Neste senso, nos últimos anos leváronse a cabo múltiples actuacións forestais e de campo, así como a sinalización da senda ambiental con códigos QR.

Con esta actuación a Deputación de Pontevedra dá un novo paso cara a esperada musealización de Sobroso, adxudicada por preto de 262.000 euros. A previsión do ente provincial é que dote ao castelo dun equipamento museográfico actual, apoiándose nas tecnoloxías audiovisuais do século XXI cun modelo turístico baseado nas experiencias. Así, as persoas visitantes gozarán dunha ruta dunha hora de duración en galego, castelán ou inglés na que coñecerán a historia do castelo a través de sete pezas audiovisuais. A súa visita rematará co acceso á terraza, que estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os filtros e elementos da paisaxe.

O castelo de Sobroso é un grande atractivo turístico da nosa provincia, que foi visitado en 2020 por preto de 11.000 persoas pese aos peches e as restricións derivadas da situación sanitaria. De feito, 3.500 destas visitas tiveron lugar entre xuño e agosto sumando máis que as realizadas durante o verán de 2019. A institución provincial leva destinado, en total nos últimos 3 anos, máis de 300.000 euros a súa repoboación e musealización. Ademais, tras o confinamento, a Deputación integrou Sobroso no programa "Re-Acción nos castelos!", que levou á fortaleza música, danza, teatro e obradoiros para nenas e nenos, enchendo o espazo de contido cultural seguro e esgotando todas as prazas dispoñibles.

Vídeos