Noticias

O BOPPO oficializa as subvencións aos concellos do Plan Revitaliza para contratar 40 mestras e mestres composteiros

O vicepresidente Mosquera explica que a axuda da Deputación permitirá pagar o 100 % dos soldos do novo persoal municipal durante o primeiro ano


27 abril 2018
Facultade de compostaxe

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra xa fixo oficial as subvencións que a Deputación repartirá entre os concellos adheridos ao Plan Revitaliza para contratar 40 mestras e mestres composteiros. Os gobernos locais interesados terán agora ata o 27 de xuño para presentar as súas solicitudes ás axudas, que serán concedidas en función da poboación e da implantación da compostaxe en cada localidade.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, e tal e como está recollido nas bases da convocatoria, aínda que a colaboración do persoal técnico provincial está garantida durante a posta en marcha dos proxectos de compostaxe nos distintos concellos, a intención da Deputación é que estes vaian dotándose paulatinamente de persoal propio que poida dar continuidade aos traballos.

Coa finalidade de facilitar o seu labor aos concellos implicados no Plan Revitaliza, a Deputación de Pontevedra decidiu abrir unha convocatoria de subvencións destinada a financiar o custo salarial das persoas necesarias para o seguimento e execución do novo sistema de tratamento de residuos orgánicos durante o período 2018-2020. Ademais, o propio organismo provincial porá en marcha un proceso selectivo único no que se creará unha bolsa de emprego para ir dotando de persoal aos gobernos locais en función de necesidades. Esta bolsa poderá estar composta por un número maior das 40 persoas aspirantes previstas, se ben soamente estas estarán operativas ou traballando ao mesmo tempo. As e os novos traballadores dependerán directamente dos concellos, baixo a figura de persoal interino por programa, non habendo relación laboral algunha coa Deputación.

As porcentaxes da subvención provincial irán decrecendo, establecéndose tres períodos subvencionábeis. No primeiro ano a Deputación subvencionará a totalidade do custo salarial de persoal, o segundo ano Deputación e concello repartiranse o gasto ao 50 %, e o terceiro ano a Deputación pasará a custear o 30 % e o cada concello o restante 70 %. O financiamento deste programa ten un importe de 546.367,20 euros iniciais.

Esixencia: un plan de acción municipal

A Deputación determinará a asignación do número exacto de traballadoras e traballadores por cada concello atendendo a varios criterios de valoración sobre un total de 100 puntos. Os concellos que soliciten as axudas recibirán un número máximo de persoas traballadoras (entre unha e catro) en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio, e das necesidades determinadas polo grao de implantación do plan.

A experiencia acumulada no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe tanto nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados no concello, como a través de composteiros individuais de exterior (COINEX) ademais da realización de outras accións destinadas a fomentar a separación en orixe da FORM e a reciclaxe do resto das fraccións valorarase ata 60 puntos. A posibilidade de acadar o tratamento progresivo de toda a fracción orgánica municipal de residuos xerada no concello valorarase ata 40 puntos. Para valorar estes criterios os concellos deberán presentar un Plan de acción en materia de residuos no horizonte temporal 2018-2020.

A valoración dos criterios farase por una comisión de persoas expertas que estará constituída por persoal do Servizo de Asistencia Intermunicipal adscrito ao Plan Revitaliza e que poderá contar con asesoras e asesores internos e externos, e as solicitudes que non acaden o 40 % da puntuación serán eliminadas por entender que non reúnen os requisitos técnicos mínimos.

Por cuestión de poboación, poderán ter ata un máximo de catro persoas traballadoras os concellos maiores de 20.001 habitantes (Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vilagarcía de Arousa); tres, os concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes (Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, Moaña, O Porriño, Sanxenxo, Tomiño e Tui); dúas, os concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes (Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa); e unha persoa traballadora os concellos de poboación de ata 5.000 habitantes (Barro, Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, A Illa de Arousa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia e Rodeiro).