Noticias

O Auditorio Municipal de Caldas acolle unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde" dirixida á terceira idade

É un ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médic@s, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores


10 outubro 2018
Tempo de Saúde

O Auditorio Municipal de Caldas de Reis acollerá este xoves unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posto en marcha entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médic@s. A partir das 19,30 horas, a doutora Tania Isabel Blanco Pena falará sobre trastornos depresivos e ansiedade nun evento dirixido sobre todo á terceira idade, pero tamén aberto ao público en xeral. Está previsto que a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asista tamén a esta conferencia.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

En Caldas de Reis, a doutora Tania Isabel Blanco falará sobre trastornos depresivos e ansiedade, ademais de favorecer un clima de diálogo para que todas as persoas asistentes participen na iniciativa preguntando e aclarando cuestións. O obxectivo é que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os distintos temas que soen ser de moito interese para os colectivos aos que se dirixen.

Blanco Pena é médica especialista en Psiquiatría no Servizo de Psiquiatría da Área de Xestión Integrada Pontevedra-O Salnés, destinada na Unidade de Hospitalización de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra. Ten preto de dez anos de experiencia laboral como médica psiquiatra en distintas áreas do Servizo Galego de Saúde. É licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Psiquiatría. Posúe un Máster en Neurociencias pola USC e outro en Psiquiatría Legal pola Universidade Complutense de Madrid.

Ao igual que en Caldas de Reis, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas tamén en trastornos depresivos e outras na hospitalización a domicilio. En canto á xente moza, as charlas irán sobre temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.