Noticias

O Apalpador chegará aos concellos da provincia desde este luns

A presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua recibiron hoxe na Deputación á figura tradicional do Nadal galego, o seu acordeonista e o seu burro Río Lor


17 decembro 2021
Visita do Apalpador

O Apalpador, a figura lexendaria do Nadal galego, chegará aos concellos da provincia desde este luns día 20 con moitas novidades: nova vestimenta, monicreques, unha banda de música ampliada e agasallos de árbores autóctonas para as alcaldesas e alcaldes para que os planten nos espazos públicos. Así o explicou hoxe na súa visita á Deputación provincial, onde foi recibido pola presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, xunto ao seu acompañante acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.

O Apalpador explicou que este ano fará as súas actuacións e pasarrúas con nova roupa: estreará novos pantalóns de pana -feitos por un xastre de máis de 80 anos da provincia de Pontevedra-, chaleco, gorra e camisa, todo "moda galega". Outra das novidades será que a súa comitiva incluirá dous monicreques que irán contando historias: a ‘Lobiña Coureliña' feita en As Neves e ‘O señor Pandigueiro', curmán do Apalpador, elaborado en Cangas do Morrazo.

Ademais, entregará a cada concello unha árbore autóctona para que sexa plantada nun monte ou algún espazo público que poidan gozar os nenos e nenas para coñecer máis a natureza propia galega. Na recepción institucional no Pazo Provincial, el mesmo agasallou hoxe á presidenta cunha sobreira, que ela escolleu pola súa relación co castelo do Sobroso, e cun loureiro á deputada María Ortega, quen explicou a súa elección por ser dun concello de costa e querer fomentar o consumo de produtos de mar.

O músico Servando Barreiro será o responsable da parte musical e "o encargado de animar as viaxes e os pasarrúas".  Explicou que este ano ademais do seu acordeón haberá tamén unha saxofonista e un guitarrista que farán algunha peza nova ademais das cantigas propias do Apalpador . Lembrou que as actuacións buscarán fomentar o amor pola lingua galega e o coidado do medio ambiente, xa que "as mensaxes cantadas e tocadas reálzanse e chegan máis e a xente fica máis impresionada".

A deputada de Lingua María Ortega, responsable do programa Nadal en Galego no que se enmarcan as actividades do Apalpador, explicou que este ano a Deputación fixo un esforzo para ampliar o máximo as visitas aos concellos, chegando a 45 municipios da provincia dende este luns día 20 ao 4 de xaneiro "con moitas sorpresas". Salientou  que o proxecto está medrando cada ano co fin de achegar ás crianzas as tradicións do país para resaltar "os nosos valores propios e destacar a nosa forte identidade ".

Subliñou que as actuacións faranse en formato pasarrúas de maneira itinerante, evitando aglomeracións, para garantir a máxima seguridade para as persoas dada a situación de pandemia.

Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva subliñou a aposta da Deputación "por recuperar as nosas tradicións fermosas, que falan de xente que estivo aquí antes que nós e levaba música, identidade e historias e autenticidade para que a xente fora feliz. O Apalpador e Servando é o que van levando, felicidade".

A presidenta explicou que as nenas e nenos ademais de gozar da música , dixo, preguntaranse quen era o Apalpador cando o vexan polo que a visita aos concello fará que teñan interese e se preocupen por quen era esa figura. "Só podemos amar o que coñecemos. Con esta iniciativa non só facemos que se enchan de actividade cultural os concellos da provincia durante o Nadal, con cultura, recuperando as tradicións, senón que espertamos interese nas nenas e nenos. Eles son o noso futuro. Se non coñecen, dificilmente poderán manter o que nos identifica", apuntou.

 

Fotos