Noticias

O anel verde do río Miño medra cunha nova actuación en A Guarda e conectará coas rutas costeiras a través da praia do Muíño

Carmela Silva lembra que o actual goberno provincial é o que máis ten investido no Baixo Miño e reafirma o compromiso co territorio transfronteirizo


01 febreiro 2019
Convenio A Guarda

A Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda asinaron hoxe un convenio para o acondicionamento da praia guardesa de O Muíño, porta do espazo natural protexido do Esteiro do Río Miño. A actuación, enmarcada dentro do proxecto Visit Rio Minho, consistirá na conexión de  dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito do Anel Verde do río transfronteirizo formado por rutas galego – portuguesas xa consolidadas, un dos maiores atractivos do sur da provincia. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, coincidiron en destacar a relevancia desta actuación para recuperar un espazo natural de altísimo valor turístico e medioambiental.

Segundo explicou Uxío Benítez, o acondicionamento da praia do Muíño forma parte do proxecto de cooperación europea ‘Visit Río Miño', de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, en concreto dentro das actuacións comprendidas para a creación do ‘Anel Verde do Miño', que consiste nunha "rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galiza e Portugal e é sen dúbida un dos maiores atractivos deste territorio e de todo o sur da provincia". Dentro do mesmo proxecto xa se teñen asinado convenios para outras actuacións similares nos concellos de Crecente, Arbo, As Neves, para a mellora e acondicionamento dos sendeiros tradicionais de pesca, e co consistorio de O Rosal, para  a conexión dos sendeiros no ámbito do río Tamuxe.

No caso de A Guarda, o orzamento total ascende a case 200.000 euros, e "as actuacións previstas teñen unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro lado, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía", apuntou o deputado de Cooperación Transfronteiriza.

Na actualidade o acceso á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal inclúe a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal e a rexeneración da praia mediante o retranqueo do muro de contención existente.

Investimentos no Baixo Miño

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou que "este é o primeiro Goberno da institución provincial que fai unha aposta firme por desenvolver o territorio do Baixo Miño", e destacou o gran número de investimentos realizados neste territorio "en tan só tres anos a medio". O compromiso desta Administración co sur da provincia, un entorno que cualificou como "único en Europa a nivel paisaxístico e medioambiental",  tamén se materializou na creación da AECT Río Miño, "un instrumento que permite gobernar con intelixencia o territorio transfronteirizo".  De igual xeito, asegurou que a creación dun "área de Cooperación Transfronteiriza, dirixida polo deputado Uxío Benítez, nos permitiu que os investimentos nesta zona chea de potencialidades, fosen unha prioridade e non un anexo" .

Turismo e protección natural

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, manifestou a súa satisfacción coa sinatura deste convenio e destacou a relevancia destas obras que "permitirán rexenerar unha das zonas máis importantes para o Concello dende un punto de vista turístico e medioambiental." Segundo explicou, o actual acceso ao areal "rompía a conexión coa natureza" e presentaba "certa degradación". Con estas actuacións "recuperaremos esta área converténdoa nunha paisaxe moi coidada, onde as persoas prevalecerán sobre os coches", evitando que os vehículos poidan chegar ata a beira da praia e que permitirán á cidadanía "gozar aínda máis se cabe deste entorno inigualable".