Noticias

O aluvión de persoas interesadas en asistir á Facultade Ágora obriga a aumentar a 200 o número de prazas e a prorrogar a preinscrición até o mércores

O deputado de Mobilidade manifesta a súa satisfacción polo interese amosado para mellorar o tratamento do espazo público na provincia


22 marzo 2021
Uxío Benitez

O aluvión de persoas interesadas en asistir ás clases da Facultade Ágora sobre como mellorar o espazo público vén de obrigar á Deputación a aumentar a 200 o número de prazas dispoñibles e a prorrogar a preinscrición até este mércores. Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, quen salientou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa entre os concellos e o persoal técnico da provincia e o interese amosado para construír espazos públicos amables e de calidade para a cidadanía.

A preinscrición na Facultade Ágora estaba previsto que finalizase hoxe ás doce da noite, mais a primeira hora da mañá xa se superaban as 150 prazas dispoñibles (xa ampliadas desde as 100 iniciais). Ao ver que o número de solicitudes seguía medrando, o departamento de Mobilidade, xunto coa Rede de Cidades que Camiñan –coordinadora do proxecto–, decidiron engadir outras 50 prazas máis e prorrogar ata o mércores o prazo de preinscrición. Este venres 26 darase a coñecer a lista de persoas admitidas e procederase á matrícula definitiva.

Facultade Ágora nace como unha proposta de formación impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación destinada a persoal político e técnico da provincia que toma decisións sobre o espazo público para ampliar os seus coñecementos sobre como recuperalo para crear cidades e vilas amables e aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. Está dirixida a todo o persoal técnico libre (persoas enxeñeiras, arquitectas, enxeñeiras técnicas e arquitectas técnicas, e tamén a outros perfís) que teña relación con obras de reforma, mellora ou tratamento dos espazos públicos.

O obxectivo da Facultade Ágora é que a formación que impartirá poida ter unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia e que os proxectos de reforma urbana de vilas e cidades redactados polas futuras ‘técnicas e técnicos Ágora' –título que se acreditará no curso- cumpran criterios de calidade e de mobilidade natural, poñendo sempre as persoas no centro de cada deseño.

Inicio do curso

O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro (venres alternos), repartido en 4 módulos e 12 seminarios. Cada sesión contará cunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.

Entre o profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra están xa figuras de renome internacional coma o urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade "a escala humana" e de aplicar as persoas como "unidade de medida" no deseño urbano.

Tamén contará con Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París e director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da  Sorbona e un dos maiores expertos en "cidades intelixentes". Coñecido mundialmente como experto do concepto "cidades vivas", é o máximo divulgador actual da "cidade dos 15 minutos". Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio sobre todo nestes momentos de pandemia.

Tamén participarán como relatoras Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos;  María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña, autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de La ciudad de los cuidados; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de Calmar el tráfico, entre outros.