Noticias

O alumnado dos IES María Soliño e Rodeira de Cangas ao fronte da organización das xornadas sobre condutas aditivas que comezan este martes

Nenas e nenos coordinan a xornada Que te Apostas? As Condutas Aditivas, evento que contará coa colaboración da Deputación e que terá lugar no auditorio municipal de Cangas


29 abril 2019
condutas aditivas

"O que quixemos foi reverter a situación e apartarnos do sistema tradicional que se utiliza nos centros educativos, nos que o alumnado é o que asiste a actos organizados por profesorado e xente maior. Quixemos que sexan elas e eles os protagonistas en todo, involucrándose en todos os aspectos organizativos para pór en marcha un evento". Así explicou o profesor Modesto Augusto o obxectivo da posta en marcha das xornadas Que te Apostas? As Condutas Aditivas, organizadas conxuntamente polo alumnado dos IES María Soliño e Rodeira de Cangas e que terán lugar desde este martes 30 de abril ata o 3 de maio no auditorio municipal da vila do Morrazo.

Alumnas e alumnos de ambos centros, xunto a profesorado, visitaron a Deputación para explicar todos os aspectos da organización das xornadas. De feito, mantiveron unha xuntanza coa deputada de Xuventude, Digna Rivas, quen lles confirmou que contarán coa colaboración da institución provincial. Rivas resaltou a importancia desta innovadora e pioneira iniciativa, "onde hai que poñer en valor a capacidade e a valía das rapazas e rapaces de Cangas, que están implicadas e implicados a tope e co convencemento de que se poden cambiar as cousas, neste caso nun tema tan perigoso como o das adiccións". A deputada salientou que proxectos coma estas xornadas "son moi necesarios para a educación en valores, que moitas veces é máis importante e necesaria que a propia formación académica. Agradecer, polo tanto, a implicación da rapazada e dos equipos directivos e profesorado dos dous institutos de Cangas".

Desde os equipos directivos dos centros idearon unha serie de temáticas para o desenvolvemento dunhas xornadas, e a partir de aí, foron as alumnas e alumnos os que se encargan de todo o demais, co apoio e coordinación do profesorado. "Resultou elixido o tema das adiccións porque vemos que, ao noso arredor, é unha problemática moi candente. As casas de apostas son algo que nos parece moi perigoso, xa que no noso pobo, en Cangas, están abrindo sitios e hai rapazas e rapaces coma nós que están apostando xa. E os temas das drogas e da vigorexia tamén saíron elixidos, porque por exemplo a vigorexia é algo do que se fala pouco, pero que hoxe en día con tantos ximnasios e tanto culto ao corpo ofértansenos produtos perigosos para a nosa saúde", expuxo Antía, unha das alumnas que estivo na Deputación.

A partir destas tres temáticas –adiccións a novas tecnoloxías, vigorexia e drogas–, as alumnas e alumnos están organizados en distintos grupos de traballo e cada un deles encárgase dunha parte distinta das xornadas. Entre outras moitas cuestións, ocúpanse da elaboracións dos carteis, contacto coas persoas poñentes e entrevistas previas, relacións cos medios, posta en escena ou elaboración de cuestionarios sobre hábitos da xuventude de Cangas. "É máis positivo que sexamos nós, rapazas e rapaces, os que transmitamos todo ás nosas compañeiras e compañeiros. Procuramos non caer no típico de que o profesor ou profesora nos dá a vara e non atendemos, senón que estamos todas e todos ao mesmo nivel e sempre hai máis confianza. Esta non deixa de ser unha maneira moi interesante de aprender, tanto sobre os temas que vamos falar como sobre todo o que implica organizar un evento importante".

As xornadas Que te Apostas? As Condutas Aditivas vanse desenvolver desde mañá martes, 30 de abril, e 2 e 3 de maio, no auditorio municipal de Cangas, coordinadas polos IES María Soliño e Rodeira. O primeiro día o tema será "Desamaños alimentarios. A vigorexia", coa participación do culturista Alberto Garrido, a farmacéutica e profesora Inés Santa María e o profesor Miguel Santiago. O xoves 2 de maio falarán sobre "A responsabilidade das institucións na prevención e recuperación das adiccións" con Carmen Avendaño e o garda civil Javier Cancelas. O venres 3 de maio a temática será "Adiccións ás novas tecnoloxías: xogos, Internet e apostas" coa psicóloga Belén Montesa e o profesor de Psicoloxía da USC Antonio Rial. No peche das xornadas tamén estará o deportista e humorista David Amor.