Noticias

O alumnado do IES María Soliño de Cangas presenta o martes o novo mural do programa "DepoRúarte"

Os e as estudantes do primeiro curso do bacharelato de Artes escolleron como tema central do seu proxecto os humanoides e a súa irrupción na natureza


28 outubro 2018
DepoRúARTE 2018

A deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá este martes 30 de outubro, ás 12:30 horas, no IES María Soliño de Cangas onde o alumnado participante presentará un novo mural elaborado no marco do proxecto "DepoRúarte. Pintando alternativas" da Deputación de Pontevedra. O tema elixido polas e polos estudantes para o mural, realizado coa colaboración da artista Noemí Núñez, foi a irrupción dos humanoides no mundo natural.

Nesta iniciativa participaron un total de 56 alumnas e alumnos do primeiro curso do bacharelato de Artes. Para a elección do tema central do mural, as e os participantes tiveron unha xornada formativa na que foron perfilando cales eran as súas inquedanzas para plasmalas na obra. Todo isto en colaboración coa artista Noemí Núñez. Así, e tras as distintas sesións das que consta o programa, foise elaborando o mural que se presenta este martes ante o corpo docente e o resto do alumnado do centro.

Este proxecto, que forma parte do programa "DepoRúarte", arrancou a súa terceira edición en maio pasado e xa pasou polo IES Barral de Ponteareas, polo IES María Soliño de Cangas, polo IES de Meaño e polo IES Chano Piñeiro de Forcarei. Está destinado á mocidade e o obxectivo deste ano é educar na arte urbana á xente máis nova, para que poida diferenciar entre o que é a arte, que está a deixar unha pegada significativa en cidades como Lisboa, Brístol, Lyon ou Nova York, e o que é o vandalismo urbano.

Máis polo miúdo, e xunto ao IES de Meaño, o IES Barral, o IES Mariña Soliño e o IES Chano Piñeiro, participan en "DepoRúarte" 2018 os IES Pazo da Mercé (As Neves), IES de Barro (Barro), CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), IES Auga da Laxe (Gondomar), IES Laxeiro (Lalín) e o IES Ribeira do Louro (O Porriño).

En cada un dos centros mencionados levaranse a cabo varias sesións formativas de debate e reflexión, coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio.

Posteriormente realízase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que as alumnas e os alumnos pintan a superficie escollida xunto ao equipo de traballo, e finalmente, o equipo de traballo emprega as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.