Noticias

O alumnado do curso da Deputación Docencia de Formación Profesional para o Emprego remata a súa formación teórica

O deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, animou ao alumnado a seguir absorbendo coñecementos nas prácticas non laborais que comezan este martes en oito empresas


08 abril 2019
O alumnado do curso da Deputación

A Deputación de Pontevedra clausurou esta mañá unha das partes da formación para a obtención do certificado de profesionalidade Docencia da Formación Profesional para o Emprego. En total, o alumnado recibiu xa 340 horas teóricas que chegan ao seu fin abrindo o paso ás prácticas non laborais, de 40 horas, que arrancan mañá en oito empresas.

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza coas persoas desempregadas que veñen de rematar na Cidade Infantil Príncipe Felipe a formación teórica impulsada pola Deputación de Pontevedra no marco da acción formativa Docencia da Formación Profesional para o Emprego. O deputado animou ás mozas e mozas a seguir absorbendo coñecementos nas prácticas non laborais que comezan a partir de agora en oito empresas: Magnafor Qualitas S. L.; Formación y Servicios S. L.; ARA Negocios S. L.; FORGA, Fundación para a Orientación Profesional, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Emprego e Formación en Galiza; Arrullos del Agua S. L. U.; Centro de Formación Prisma S. L.; Consultora Monte Alto S. L. U. e Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia.

Esta acción formativa está enmarcada na programación dirixida ás persoas desempregadas correspondente aos exercicios de 2018 e 2019. A acción deu comezo o 28 de decembro e rematará o 2 de maio, cun total de 380 horas de formación teórica-práctica.  O alumnado que complete os módulos teóricos e prácticos acadará un título mediante o cal poderá solicitar a acreditación oficial do Catálogo Nacional de Cualificacións para a obtención do Certificado de Profesionalidade Docencia da Formación Profesional para o Emprego, que acreditará a súa capacitación para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación para o emprego.