Noticias

O alumnado do CEIP Vilaverde de Mourente apúntase á compostaxe

Escolares de primaria do centro pontevedrés xogan coa miñoca do Plan Revitaliza para aprender como se fai compost cos residuos orgánicos e continuarán cos obradoiros da Deputación nas próximas semanas


19 febreiro 2019
CEIP Mourente

Arredor duns 300 escolares de entre primeiro e sexto cursos de primaria do CEIP Vilaverde de Mourente veñen de apuntarse á compostaxe da man do Plan Revitaliza da Deputación. O persoal técnico do CEIDA está a traballar co alumnado realizando charlas, xogos e outros obradoiros para que nenas e nenos aprendan sobre a necesidade de reciclar os residuos e, principalmente, sobre como se fai compost co lixo orgánico que se xera tanto nas casas como no colexio.

Nesta semana unhas cen pequenas e pequenos de terceiro e cuarto de primaria atenderon ás charlas informativas, mentres que con anterioridade as e os máis pequenos aproveitaron o xa coñecido ‘xogo da miñoca' para avaliar os seus coñecementos sobre compostaxe e que se debe e non se debe botar ao composteiro. Nas próximas semanas realizaranse novos relatorios, clases prácticas de ‘Quen vive aí?' destinadas á xente moza nas que poderán descubrir os invertebrados que hai nos composteiros e que axudan a que a compostaxe se realice correctamente. Tamén se está a avaliar a posibilidade de poñer en marcha un composteiro grande da man dos mestras e mestres composteiros do Revitaliza da Deputación, no que o alumnado botaría os restos de merendas e comidas.

A realización de actividades e a posta en marcha de composteiros nos centros de ensino da provincia está enmarcada no proxecto que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver da man do CEIDA ao abeiro do Plan Revitaliza co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.