Noticias

O alcalde de Cuntis analiza coa Deputación de Pontevedra diversas actuacións no concello

O deputado de Cooperación, David Regades, mantivo un encontro con Manuel Campos e a súa tenente de alcalde, Conchy Campos


15 abr 2016
Xuntanza alcalde de Cuntis con David Regades
Xuntanza alcalde de Cuntis con David Regades

O deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a súa tenente de alcalde, Conchy Campos, para analizar diversas actuacións da institución provincial no concello.

O concello de Cuntis dispón, dentro do Plan Concellos 2016, de algo máis de medio millón de euros de axudas da Deputación, das cales xa ten concedidos máis de 113.000 euros para a contratación de vinte traballadores de reforzo dos servizos municipais.

O alcalde, Manuel Campos, pediulle ao deputado provincial o apoio dos técnicos da Deputación para a realización de senllos estudos sobre a situación da antiga casa do concello e do pavillón deportivo, que presenta problemas de humidades. A este respecto, David Regades comprometeuse co alcalde a que os técnicos da institución provincial realizarán visitas a ambas as instalacións para facer un estudo posterior da súa situación.

Igualmente, Campos mostrou o seu interese en que a Deputación apoie o proxecto de "Terra Termarum", que o Concello desenvolve sobre os achados no castro de Castrolandín, para que a súa exposición poida percorrer varias localidades da provincia. Precisamente, sobre Castrolandín, Manuel Campos subliñou que necesitaban o apoio da Deputación para promocionar este castro, que está dentro do proxecto de musealización que desenvolven a institución provincial e o Ministerio de Fomento en 18 castros de toda a provincia de Pontevedra.

De feito, está previsto que, ao longo deste verán, comecen os traballos de limpeza previos ao proxecto de musealización que levará adiante o Ministerio de Fomento.