Noticias

O alcalde de Caldas de Reis analiza con David Regades diversos aspectos de colaboración coa Deputación

Juan Manuel Rey pediulle ao deputado de Cooperación a necesidade de potenciar o Camiño Portugués ao seu paso pola localidade


10 mar 2016
Caldas

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mantivo hoxe un encontro co deputado de Cooperación, David Regades, no que lle solicitou diversos aspectos de colaboración entre ambas as institucións. Un dos principais puntos abordados na xuntanza que tivo lugar no Concello de Caldas foi a necesidade de potenciar o Camiño Portugués que, segundo explicou Rey, rexistra un incremento moi importante de peregrinos e peregrinas fóra das datas principais do verán. O alcalde subliñou que este incremento é, sobre todo, de xente nova, polo que sería moi importante contar cunha plataforma dixital na que estes peregrinos e peregrinas puidesen contar con toda a información.

Entre os outros aspectos abordados entre ambos os políticos destacou a necesidade de colaboración cos festivais que se desenvolven en Caldas coma o Cultura Quente, que ten un retorno de máis de vez veces na hostalaría que o investimento realizado. Igualmente, os arranxos de varias vías da Deputación, que foron abandonados pola anterior Corporación provincial, ou os proxectos para a dinamización da praza de abastos, polo seu valor cultural e arquitectónico, foron tratados por Rey e Regades.

Por último, o alcalde de Caldas solicitou a colaboración da Deputación na celebración da homenaxe que vai realizar o Concello a José de Caldas, un emigrante caldense en Colombia que chegou a ser alcalde da localidade de Popayán. Ademais, "José de Caldas", que naceu na parroquia de Arcos, tivo un fillo que en Colombia foi alcumado El Sabio e formou parte da segunda xeración de Ilustrados do país suramericano. Aínda hoxe unha provincia de Colombia leva o seu nome, José de Caldas.

O Concello pretende celebrar este ano os 200 anos de seu pasamento cunha exposición e darlle o seu nome a unha praza da parroquia de Arcos.

David Regades, pola súa banda, recolleu as peticións do alcalde e comprometeuse a estudar cada unha de elas, pero subliñou que a Deputación de Pontevedra mudou a súa política coa nova Corporación, sendo agora un actor xunto con todos os concellos, todos eles ao mesmo nivel, para impulsar todos aqueles proxectos que redunden en beneficio dos veciños e as veciñas dos 62 municipios.