Noticias

O 50% do orzamento do antigo PAC non se puido achegar por falta de xustificación e rexeitamento das asociacións

O Plan de Acción Comunitaria (PAC) era o símbolo do modelo clientelar e arbitrario do goberno de Louzán


18 nov 2016
Xunta de Goberno
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o inicio do procedemento de declaración de perda do dereito ó cobro de subvencións do antigo Plan de Acción Comunitaria (PAC) para o ano 2015.  En concreto, falamos de que en decembro de 2014 se aprobaron achegas por valor de máis de 800.000 € para este plan das cales, tan so se destinou o 50% a asociacións e entidades que xustificaron as actuacións debidamente, o 50% restante non puido ser entregado posto que non se xustificaron as actuacións ou ben se rexeitaron as axudas polos propios interesados.

O 3 de xullo de 2015, menos de 15 días antes da toma de posesión do novo goberno da Deputación,  o goberno de Louzán aprobaba a concesión ás asociacións e agrupacións das axudas económicas con destino ó financiamento de actuacións incluídas no PAC´15. Un programa que se tiña convertido no símbolo do modelo clientelar e arbitrario do goberno de Louzán e que dedicaba os recursos públicos da institución provincial para subvencionar indirecta e irregularmente competencias propias doutras administracións e dos concellos, fundamentalmente do PP, a maioría sen licenzas e de xeito irregular como reparar tellados de igrexas, andas de imaxes relixiosas, ampliacións de camiños, parques infantís, construcións de aseos, melloras en centros sociais municipais, menaxe para cociñas, sinais de tráfico, zonas de esparexemento ou incluso procurar a mellora dos biótopos de coellos.

Amais, o 20% do reparto do PAC repartíao directamente o ex presidente da Deputación por libre disposición a agrupacións achegadas ó PP, moitas delas cun mínimo de tres veciños, sen CIF e sen estar constituídas como asociación, ou a militantes dese partido. O 80% restante cumpría unhas bases de pública concorrencia que tiñan como protagonistas, na súa maior parte, ós "conseguidores", concelleiros populares que actuaban como intermediarios.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra rachou con este modelo clientelar, que tiña un claro criterio político e ningún tipo de control para trasladar estes fondos do PAC ó Plan Concellos, un plan equitativo, equilibrado, cuns criterios obxectivos, claros e ben definidos para os municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes.