Noticias

Nuria Sotelo ofrece o seu espectáculo "Rosa" en A Guarda, no marco do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero"

A bailarina actuará este xoves, ás 21.00 horas, na praza do Reló da localidade guardesa


31 xullo 2019
Nuria Sotelo

A bailarina e intérprete Nuria Sotelo ofrecerá o seu espectáculo "Rosa" este xoves 1 de agosto no concello de A Guarda, unha actuación que se enmarca no programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra. A representación terá lugar ás 21.00 na praza do Reló.

"Rosa" é unha acción de danza-teatro na que se aborda, a través do movemento da intérprete e da mobilización espacial do público, conceptos como a intersexualidade, a convivencia entre sexos e os rasgos e modos dos suxeitos, poñendo en cuestión xerarquías e conceptos establecidos.

Sotelo é intérprete de danza e teatro, buscadora de linguaxes escénicas e impulsora da compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo. Combina esta actividade coa docencia nos campos do corpo, a danza e a creación escénica, onde traballa con mulleres adultas, adolescentes, profesionais da escena, grupos de integración e familias. Como intérprete, traballa en compañías de danza e teatro como o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante e Matarile Teatro. E, na actualidade, está inmersa no proxecto A Casa Vella, un espazo residencia artística e de inflitración social a través do corpo e da arte en Allariz.

A cuarta edición do Programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes disciplinas, como a pintura, a música, a poesía, a danza, o teatro, o grafiti e a performance, que levarán ás súas obras por outros tantos concellos da provincia pontevedresa, co obxectivo de dar visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para recoñecer o traballo das mulleres artistas galegas.