Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba novos investimentos para outros dous municipios da provincia a través do Plan Concellos

As achegas permitirán á Illa de Arousa financiar parte da urbanización da Avenida Castelao e en Vilagarcía beneficiarán aos sectores máis afectados pola pandemia


23 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra volve a poñer o foco nos municipios da provincia ao dar luz verde, en Xunta de Goberno, a dúas subvencións que suman máis de 200.000 euros e que están enmarcadas no Plan Concellos. Nesta ocasión, os municipios beneficiados das achegas son A Illa de Arousa, á que se lle concederon 98.500 euros para financiar a parte municipal do convenio para a transformación da Avenida Castelao, e Vilagarcía, a onde chegarán 109.200 euros para sufragar un programa dedicado a axudar aos sectores máis afectados pola pandemia.

Os fondos provinciais servirán para que A Illa de Arousa poida sufragar a parte que lle corresponde para urbanizar e recuperar espazos así como mellorar a mobilidade peonil na Avenida de Castelao, na EP-9803. As actuacións teñen un orzamento de 1.160.220 euros e están financiadas integramente pola Deputación, que a través dun convenio co concello aporta o 70% deste importe e sufragará a parte que lle corresponde ao municipio (o 30% restante) a través de tres achegas do Plan Concellos. Tras as actuacións, as persoas serán as que teñan prioridade nunha avenida na que hoxe en día os vehículos ocupan a maior parte do espazo público. Neste senso, construiranse itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos, beirarrúas cun ancho mínimo de 2,5 metros e unha zona de convivencia sobreelevada de prioridade peonil. Ademais, implementaranse políticas de calmado de tráfico para incrementar a seguridade viaria.

Pola súa banda, Vilagarcía axudará a sectores afectados pola pandemia, como a hostalaría, con axudas coas que se poderán subvencionar gastos tan variados como o aluguer e a subministración de auga, luz ou electricidade, así como outros gastos habituais aos que se enfrontan as empresas.