Noticias

Novos fondos europeos para proxectos sostibles e de eficiencia enerxética da Deputación de Pontevedra

Europa da luz verde a outros dous programas para os concellos da provincia de aposta polas caldeiras de biomasa e de novas luminarias LED nos Bens de Interese Cultural


26 abril 2019
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir novos fondos europeos por máis de medio millón de euros procedentes de dúas subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), que financiará en varios municipios da provincia, por un lado, a substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa e, por outro, a renovación da iluminación pública exterior para colocar luminarias LED que favorezan o aforro enerxético en Bens de Interese Cultural (BIC). A contía total ascende a 416.213,97 euros que van destinados ao primeiro proxecto e outros 129.894,2 euros para o segundo.

Do primeiro proxecto, beneficiaranse cinco concellos que substituirán caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa. Máis polo miúdo, A Guarda recibirá 58.016,45 euros para substituír a caldeira de gasóleo do centro cultural por unha de biomasa. Mondariz, que percibirá 57.522,28 euros, levará a cabo a mesma actuación no xulgado de paz. No caso de Portas, con 53.466,36 euros financiarase unha actuación na azucreira –gardería e centro de día– na que se substituirá unha caldeira de gasóleo e unha instalación eléctrica por unha caldeira de biomasa. En canto a Caldas de Reis, esta actuación levarase a cabo na piscina municipal cunha subvención de 105.655,2 euros. Por último, en Salvaterra de Miño actuarase na casa do concello, no centro cultural e no xulgado de paz para a substitución de caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa por un total de 141.553,68 euros.

Do segundo proxecto beneficiaranse sete concellos para renovar a iluminación pública exterior en BIC´s, actuando en 370 puntos de luz existentes para substituílos por luminarias LED que suporán un aforro enerxético medio do 81,14 %. En concreto, con 26.097,06 euros actuarase sobre 61 luminarias en Salvaterra de Miño, o que suporá un aforro enerxético de 84 %. Caldas de Reis, que recibirá 19.460,11 euros, actuará sobre 52 luminarias e conseguirá un aforro do 82 %. A Guarda, cunha achega de 13.908,34 euros, chegará ao 74 % do aforro enerxético cunha actuación sobre 38 luminarias. Meis, con 2.038,11 euros, actuará sobre 3 luminarias e conseguirá un aforro enerxético do 89 %. No caso de Poio, que substituirá 105 luminarias, logrará un aforro dun 69 % con 40.002,89 euros. Vilanova de Arousa, que recibirá 1.641,5 euros, terá un aforro do 87 % coa substitución de 5 luminarias. En último lugar, e cunha achega de 26.746,19 euros, Baiona terá un aforro enerxético do 83 % coa instalación de 106 luminarias LED.