Noticias

Novo paso da Deputación na senda da sustentabilidade coa posta en marcha dos manuais de boas práticas sostibles no ámbito turístico

Na web de Turismo Rías Baixas están xa dispoñibles os manuais dirixidos a establecementos turísticos, axencias de viaxes, oficinas de turismo, guías e turistas


30 outubro 2021
manuais de boas práticas sostibles

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos na senda da sustentabilidade coa posta a disposición de entidades do sector turístico de Manuais de Boas Prácticas Sostibles.  Así, a web de Turismo Rías Baixas ten xa a disposición de establecementos turísticos, axencias de viaxes, oficinas de turismo, guías de turismo e turistas tres manuais de fácil consulta con recomendacións, medidas e ferramentas de protección medioambiental, baseadas nos 17 ODS establecidos na Axenda 2030, no Código Ético Mundial para o Turismo da OMT e na Carta Mundial de Turismo Sostible ST+20, para que o territorio provincia de Pontevedra sexa un espazo sostible, competitivo e diferenciado.

Os Manuais de Boas Prácticas que a Deputación pon a disposición do sector pretenden axudar a planificar a estratexia de empresas e entidades, introducindo como factor de mellora a protección do medio ambiente. Tamén axudan mediante consellos e recomendacións a controlar aspectos ambientais, minimizando a produción de residuos, facilitando a reciclaxe, empregando eficientemente a enerxía e a auga, xestionando adecuadamente os transporte, impulsando a compra responsable de produtos e materias primas e minimizando o efecto ambiental das emisións atmosféricas, ruídos e verteduras de auga.

No caso concreto do Manual de Boas Prácticas Sostibles dirixido aos establecementos turísticos, ten por obxectivo orientar ás empresas e profesionais de establecementos turísticos sobre melloras ambientais e sociais que permitan consolidar os seus locais e actividades como os e as máis sostibles posibles. Pola súa banda o Manual de Boas Prácticas Sostibles para axencias de viaxes, oficinas de turismo e guías turísticos, pretende axudar a organizar viaxes enriquecedores e sostibles, que aposten por manter unha contorna ambiental, natural e patrimonial máis coidada e atractiva tanto para turistas como para a poboación local. Finalmente, o Manual de Turismo Responsable contén unha serie de consellos para axudar a que as persoas que se achegan á provincia de Pontevedra gocen do destino coidándoo, sen deixar rastro da súa pegada, respectando á xente e ás súas tradicións, valorando o auténtico, divertíndose e elixindo servizos comprometidos coa sustentabilidade.

Os Manuais de Boas Prácticas Sostibles enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo 21-23 e no Plan de Sustentabilidade de Turismo que aprobou a Deputación o pasado ano. A través deste plan preténdese crear un modelo turístico integrado e axeitado á Axenda 2030; planificar o turismo en base ás necesidades do territorio, as persoas e o sector público e privado; avanzar na implantación de medidas concretas desde a sustentabilidade social, económica e ambiental; xerar un turismo ordenado que fomente a creación de riqueza de modo equilibrado e implicar á poboación local e á xuventude nun escenario de continua evolución nas tendencias de consumo.